Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ENTREGOU AO CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS 31.200 EUROS EN ALIMENTOS E PRODUTOS DE HIXIENE A TRAVÉS DUNHA INICIATIVA NA QUE PARTICIPOU PERSOAL FUNCIONARIO E POLÍTICO
Marián Ferreiro destacou a importancia desta iniciativa, a través da que recibiron axuda un millar de persoas da cidade
Narón, 9 de decembro de 2020. O Concello de Narón entregou ao Centro de Recursos Solidarios alimentos e produtos de hixiene por valor de 31.202 euros a través dunha iniciativa impulsada dende o Consistorio trala declaración do estado de alarma e na que participou persoal funcionario e interino do Concello e do Padroado da Cultura e tamén representantes políticos da corporación local. A alcaldesa, Marián Ferreiro, valorou o éxito da iniciativa e agradeceu “a implicación das traballadoras e traballadores que nos plantexaron no seu día esta proposta e tamén daquelas que puideron colaborar, cada un na medida das súas posibilidades, con esta causa a través da que se doaron fondos para as familias máis vulnerables da cidade”. A rexedora local explicou que “cada mes, entre maio e outubro, fóronse realizando as compras dende o servizo municipal de Protección Civil para que os responsables do Centro de Recursos Solidarios puidesen ir entregando alimentos básicos e produtos de hixiene ás familias con escasos recursos”. Ferreiro recalcou que “a situación sanitaria que vivimos complicou a situación económica de moitas familias da cidade, que nalgún caso tiveron que acudir ao Centro de Recursos Solidarios por vez primeira para cubrir as súas necesidades básicas e tamén agravou a doutras que estaban xa en situación de vulnerabilidade”. En canto ao alcance da iniciativa Ferreiro apuntou que “unhas 360 familias, máis dun millar de persoas, recibiron axuda a través desta iniciativa solidaria, polo que consideramos que resultou de gran valor a súa posta en marcha ante a situación actual”. Os representantes da Xunta de Persoal agradeceron a “oportunidade que nos ofreceu o Concello para poder materializar esta proposta” e tamén destacaron o labor do Centro de Recursos Solidarios, Protección Civil de Narón e a colaboración das compañeiras e compañeiros do Concello e do Padroado da Cultura”. A alcaldesa destacou a maiores da colaboración de todas as persoas que participaron o traballo que se leva a cabo dende o Centro de Recursos Solidarios. “Narón é un concello moi solidario e a cidadanía así o ten demostrado en varias ocasións”, recordou Ferreiro, que incidiu en que “unha vez máis, ante esta pandemia tanto o persoal do Concello como o voluntariado amosou que está disposto a botar unha man ás persoas que máis o precisan, o que é todo un orgullo para esta cidade”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal