Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LICITOU OBRAS POR UN IMPORTE CONXUNTO DUNS 4,6 MILLÓNS DE EUROS DURANTE O ANO 2020
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou que as actuacións licitadas o pasado ano permitiron continuar ofrecendo novos servizos ás veciñas e veciños e facendo de Narón unha cidade máis accesible e eficiente a nivel enerxético
Narón, 1 de xaneiro de 2021. O Concello de Narón destinou o pasado ano un total de 4,6 millóns de euros á licitación de varias actuacións do departamento municipal de Obras. Así o asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que valorou a contía reservada a esta área e tamén as actuacións que se levaron a cabo e que se ultiman na actualidade. Unha das partidas máis destacables é a licitación dos traballos de rehabilitación do muíño de Xuvia, unha intervención nunha construción de titularidade municipal valorada en 1,4 millóns de euros e cuxo inicio está previsto para comezos deste ano. A maiores, o Concello acometeu obras na mellora de viais do termo municipal, tanto da zona urbana como da rural, orzamentadas en 1,14 millóns de euros. Unha das intervencións máis recentes nesta partida será o vial de acceso ao novo centro de saúde, que inclúe a construción dunha rotonda na estrada de Castela para facilitar o tránsito de vehículos pola zona. O goberno local continuou tamén durante o pasado ano mellorando a accesibilidade de viais da zona urbana e tamén en edificios municipais. Neste caso, tal e como recordou Ferreiro, con cargo a un investimento de 671.000 euros leváronse a cabo as obras das Vivendas da Mariña de Santiago Apóstol, donde se ampliou o ancho das beirarrúas e se elevou a rasante do vial de circulación ata a cota das mesmas co fin de habilitar unha plataforma única que suprimise as diferentes cotas. Así mesmo, ampliouse o ancho das beirarrúas nas rúas da Paz e Mugardos e, en canto aos edificios municipais, no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara adxudicáronse os traballos de instalación dun ascensor que mellorará a conexión entre as dúas plantas do edificio, comunicadas mediante escaleiras e cun salvaescaleiras. A dotación de vestiarios accesibles, a adaptación das portas, melloras na sinalización cun sistema de alarma que inclúe sinais visuais a maiores das acústicas xa instaladas e a habilitación dun itinerario peonil dende a praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida ata o acceso ao edificio, salvando unha zona pendiente, forman tamén parte dos traballos a acometer. A ampliación da rede de saneamento foi outra das áreas de Obras ás que o Concello destinou importantes partidas, destacando os 554.000 euros á intervención que se ultima na zona de Ferrerías-Prados para dotar deste servizo a 72 vivendas, que podería ampliarse ata un máximo de 97. A novas obras tamén se reservaron o pasado ano preto de 650.000 euros. A maior das partidas, 595.000 para a construción do novo campo de herba artificial de Río Seco e os 45.000 restantes para o novo parque infantil licitado na parroquia do Val, tal e como recordou a alcaldesa. “Todas estas actuacións complétanse con outras que permitiron tamén avanzar na implantación da tecnoloxía led, tanto na zona urbana como na rural, reducindo gastos de mantemento, na factura do subministro eléctrico e a emisión de CO2 á atmósfera e mellorando consideramblemente a calidade da iluminación en viais e camiños do termo municipal”, destacou. Neste apartado concreto, tan só á zona rural destináronse 101.000 euros, unha partida que en breve permitirá que a parroquia de Doso sexa a primeira da cidade en contar cunha instalación led ao cen por cento, avanzou Ferreiro. Unha das últimas actuacións acometidas o pasado ano foi a demolición de dúas vivendas ruinosas en Xuvia, que supuxo o desembolso de 48.000 euros, unha partida que se lle reclamará de xeito subsidiario aos propietarios destes inmobles. “Consideramos que rematado o ano temos que facer un balance moi positivo porque contratamos e executamos actuacións moi importantes, que nos permitiron continuar ofrecendo mellores e máis servizos á nosa veciñanza e tamén continuar facendo de Narón unha cidade máis accesible, máis eficiente a nivel enerxético e, en definitiva, continuar desenvolvendo e impulsando novos proxectos como a rehabilitación do muíño de Xuvia que nuns meses nos permitirán desfrutar dunha das construcións con maior valor patrimonial e histórico de titularidade municipal”, destacou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal