Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA VISITOU CO CONSELLEIRO DE SANIDADE AS OBRAS DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
Marián Ferreiro destacou a importancia de que as instalacións estean canto antes ao servizo das veciñas e veciños de Narón e incidiu na importancia da colaboración entre administracións para poder materializar este tipo de proxectos
Narón, 13 de xaneiro de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, acompañou esta mañá ao conselleiro de Sanidade, Julio García, e outros representantes da Área Sanitaria de Ferrol que acudiron á visita ás obras do novo centro de saúde da cidade. En representación do goberno local tamén estiveron presentes no acto o concelleiro de Sanidade, Santiago Galego e outros representantes da corporación local, da Axencia Galega de Infraestruturas e da empresa que executa os traballos. Ferreiro destacou a importancia deste día e asegurou que se trata dunhas instalacións moi necesarias para suplir as múltiples carencias do actual centro de saúde do Alto, agravadas e constatadas na actual crise sanitaria pola pandemia da Covid-19. “É moi importante que estes traballos continúen avanzando para que estas instalacións estean canto antes ao servizo das veciñas e veciños de Narón”, recalcou a rexedora local. Así mesmo, na súa intervención a alcaldesa recordou que dende o goberno local se brindou dende o primeiro día colaboración á Consellería de Sanidade para poder construír este novo centro de saúde, con maiores prestacións e capacidade. “O Concello cedeu a parcela na que se constrúe o centro de saúde e a da zona de estacionamento, aportou unha partida de 1,4 millóns de euros e tamén se encarga de executar os traballos de urbanización do vial de acceso a estas instalacións que supoñen un investimento a maiores de case 580.000 euros”, explicou. “Creo que todos coincidimos en que se trata dunhas instalacións moi necesarias para esta cidade e, polo tanto, agardamos que estean plenamente operativas á maior brevidade”, subliñou. Finalmente Ferreiro destacou a colaboración coa Consellería de Sanidade e agradeceu tamén o labor que desenvolve o persoal sanitario e tamén o da empresa que executa as obras das citadas instalacións. A alcaldesa acompañou aos representantes de Sanidade e da empresa constructora á visita –restrinxida dende a Xunta por mor da pandemia- polas áreas de Medicina xeral e enfermaría, pediatría, muller, fisioterapia, radioloxía, urxencias e administración. O novo centro disporá, tal e como se recordou dende a Xunta, de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermaría, dúas de farmacia, unha de odontoloxía, outra de hixienista dental, catro de docencia, unha sala de toma de mostras, dúas de técnicas e catro polivalentes na área de Medicina xeral e enfermaría. A maiores, contará con catro consultas de pediatría e tres de enfermaría pediátrica, unha de matronas, unha sala de educación sanitaria e unha consulta de programa da muller. Tamén se habilitarán servicios de fisioterapia e radioloxía e na área de Urxencias haberá tres consultas de medicina e outras tantas de enfermaría, seis zonas de dormitorios e unha sala de reanimación e observación. A área de administración contará con arquivo, almacéns e outros servizos comúns.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal