O Concello contratará o servizo por dous anos, nos que se actuará sobre tódolos parques e prazas públicas do municipio.
Narón, 26 de Agosto de 2009.- O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a licitación do servizo de conservación e mantemento das zonas verdes do Concello de Narón, que sae a concurso público por importe total de 1.112.024 mais 177.923 correspondentes ó IVE (Imposto sobre o Valor Engadido), e cunha duración de dous anos.
As empresas interesadas poden recabar tódala información na páxina web municipal (www.naron.es) no apartado perfil do contratante. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o vindeiro 10 de setembro, ás 13 horas.
Ata o de agora, o Concello de Narón viña realizando o mantemento de parques e prazas públicas a través de diferentes empresas, contratando as obras necesarias de xeito puntual. Non obstante, a intención do goberno local é realizar un traballo constante de mantemento dos espazos verdes, co fin de aumentar o seu estado de conservación. En Narón temos zonas importantes que xa están consolidadas, como o parque fluvial de Freixeiro, o do Couto, ou o paseo de Xuvia, sobre as que é necesario un mantemento frecuente, sinalou o Alcalde, Jose Manuel Blanco.
O rexedor explicou que coa contratación do servizo de conservación e mantemento das zonas verdes conqueriremos mellorar o aspecto dos nosos parques e prazas, facendo de Narón un lugar aínda máis axeitado para vivir, dixo.
A superficie total sobre a que se actuará suma 261.498 metros cadrados. O Concello de Narón ten contabilizados un total de 75 zonas verdes, entre parques e prazas, e lugares puntuais (coma rotondas e áreas exteriores dos locais sociais).
As partidas máis importantes serán adicadas ó mantemento da franxa costeira do Paseo Marítimo da Gándara (102.500), a mantemento e melloras no Paseo Marítimo de Xuvia (137.000), e ó Parque Fluvial do Río Freixeiro (108.863). Ademáis, dentro desta relación de espazos públicos a manter inclúense tamén as árbores da zona de Ciudad Europa, da Urbanización do Couto, da Estrada de Castela, e das prazas de San Roque, Ponte de Xuvia, e Alvaro Paradela. En conxunto, suman 537 árbores sobre as que se actuará realizando traballos de mantemento dos seus alcorques, e poda das ramas. A empresa que resulte concesionaria do servizo tamén se ocupará do mantemento das xardiñeiras da Praza de Galicia.