Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REABRIRÁ OS PARQUES, A PISCINA MUNICIPAL PARA NADO LIBRE E APLICARÁ UN PLAN DE CONTINXENCIA FRONTE Á COVID-19 NOS CENTROS CÍVICOS
As medidas publicadas esta tarde no Diario Oficial de Galicia, entrarán en vigor ás 00.00 horas de mañá 26 de febreiro
Narón, 25 de febreiro de 2021. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe as novas medidas de prevención que, debido á evolución da pandemia pola Covid-19, entrarán en vigor ás 00.00 horas de mañá venres. No que respecta á cidade, en base a esas medidas, reabriranse os parques infantís e biosaudables, debendo respectarse en todo momento a capacidade máxima indicada nos mesmos e mantendo a distancia de seguridade interpersoal. Estas instalacións continuarán desinfectándose a diario, tal e como se fixo mentres se mantiveron abertos ao público. En canto ao deporte, a práctica non federada, ao aire libre, poderá realizarse de modo individual ou colectivo, sen contacto físico e, no caso de facelo de xeito colectivo, o máximo será de catro persoas de forma simultánea –convivintes ou non- e sen contar o monitor, segundo se especifica no DOG. O mesmo número de catro persoas –convivintes ou non e sen contar monitor/a- é o previsto para actividade en instalacións e centros deportivos, sen contacto físico e sen superar o 30% da capacidade máxima permitida. A piscina municipal da Gándara reabrirá o vaso grande e o terapéutico a partir de mañá e durante toda a fin de semana para nado libre, a partir das 7.45 mantendo os horarios habituais. Pódese pedir cita previa nos teléfonos 981 337 700 (extensión 2503) se se chama en horario de mañá, ou no 981 387 522 se chaman en horario de tarde. No caso de que o aforo o permita poderase entrar sen cita previa. As Bibliotecas municipais poderán acoller dende mañá actividades presenciais sen superar o 30% da capacidade e o mesmo límite estará en vigor para realizar actividades culturais nestes espazos, cun máximo de catro persoas en actividades por grupos, sexan ou non convivintes e excluído o monitor/a. O persoal do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón realizou a maiores un Plan de continxencia fronte á Covid-19 para os centros cívicos sociais da cidade que se adecuou ás necesidades de cada un deles. No documento, que xa se entregou a todas as instalacións deste ámbito na cidade, recóllese un cadro xenérico no que se especifica o nivel de ocupación máximo que se permitirá nas actividades en canto poidan desenvolverse en función da situación sanitaria. “Debido á inestabilidade da situación sanitaria e do avance desta pandemia, que obriga a establecer unhas normas que se revisan a curto prazo, facilitouse información sobre a ocupación máxima nos ambigús e nas súas terrazas, sobre formación, actividades culturais e conferencias indicando en cada un deses apartados cal sería esa ocupación no caso de estar o concello nunha situación sanitaria básica, media, media-alta ou alta”, explicou Ferreiro. Así mesmo, entre as normas xenéricas tamén se incide na importancia da hixienización e limpeza, das medidas organizativas en cada caso, do cumprimento dos protocolos de acceso, saída..., detallando cada unha destas medidas. A alcaldesa explicou que “a maiores desas medidas xenéricas hai que destacar o traballo que se leva facendo nesta mesma liña dende o inicio da pandemia, polo que este plan de continxencia é o resultado das visitas e a constante comunicación que se mantivo dende o principio cos responsables dos centros cívicos sociais do municipio”. Ao respecto indicou que “co fin de ofrecer a máxima colaboración solicitámoslles que nos indicasen que tipo de actividades ían desenvolver en cada un deles e en que espazo para, en función deses datos, realizar unha avaliación individualizada das mesmas e indicarlles para cando se autoricen datos como a ocupación máxima en cada unha delas, o modo de desenvolvelas, o tempo máximo, a delimitación de espazos e outra información de interese para garantir a seguridade de todas as persoas que acuden aos centros cívicos sociais”. Co obxectivo de facer fincapé no coñecemento e cumprimento de todas as medidas preventivas, tal e como indicou a alcaldesa, “tamén se ofrece a posibilidade de organizar unha charla coas monitoras e monitores que impartirán esas actividades, para incidir nesas medidas e solventar posibles dúbidas que poidan ter ao respecto”. O Decreto e a Orde da Xunta de Galicia ao completo poden consultarse ao completo respectivamente nos enlaces: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2021/20210225/2572/AnuncioC3K1-240221-5_gl.html https://www.xunta.gal/dog/Publicados/excepcional/2021/20210225/2572/AnuncioC3B0-240221-3_gl.html

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal