Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMOU DIVERSAS ACTIVIDADES QUE SE INICIAN HOXE PARA CONMEMORAR O DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
A alcadesa, Marián Ferreiro, presentou os actos acompañada das edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo
Narón, 1 de marzo de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá acompañada polas edís de Igualdade, Mar Gómez, e Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, os actos organizados dende o Concello para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. A programación, tal e como avanzou Ferreiro, inclúe unha gran variedade de propostas dirixidas a persoas de todas as idades e pensadas para desenvolver atendendo á normativa da actual situación sanitaria. Unha das propostas, explicou, é a primeira edición do “Concurso Concello de Narón de Fotografía pola Igualdade”, na que participa alumnado de centros de ensino da cidade. “Alumnas e alumnos de quinto e sexto curso de educación Primaria participan nesta convocatoria, a través da que queremos promover entre o colectivo condutas igualitarias, o recoñecemento do papel fundamental que xogan as mulleres na sociedade e, ao mesmo tempo, fomentar a creatividade das rapazas e rapaces”. As imaxes deben transmitir unha mensaxe positiva da participación activa das mulleres na sociedade e estar relacionadas co significado do 8M. O profesorado dos centros preseleccionará un traballo fotográfico por aula para participar na fase final do concurso e o xurado, que integrarán representantes do Concello, dos centros participantes, do Consello Sectorial de Igualdade e profesionais da fotografía e en materia de Igualdade, valorarán a creatividade, orixinalidade, adecuación ao tema… entre outros factores. Haberá un premio para quinto e outro para sexto, que consistirá nun diploma acreditativo e as fotos gañadoras utilizaranse para editar material municipal, se ben recibirán como agasallo todos os participantes un bidón de aluminio para a auga conmemorativo do 8M e os centros xogos educativos para utilizar nas aulas. O fallo do xurado farase público o 12 de marzo. O vindeiro venres, día 5, inaugurarase na Praza da Gándara a exposición fotográfica “Mulleres en Narón”, integrada por representantes do colectivo que foron distinguidas polo seu labor. Así mesmo, dende o xoves realizarase na Praza da Gándara o mural “Todas as mulleres sumamos”, en recoñecemento ao papel das mulleres que loitaron a prol do feminismo. Ferreiro explicou ademais que nos centros de ensino do Feal e A Solaina se realizarán os murais “Elisa e Marcela”, en recoñecemento á figura destas dúas mulleres, Elisa Sánchez e Marcela Gracias, que se casaron no ano 1901 no que foi o primeiro matrimonio homosexual rexistrado en España. O mural do Feal realizarao alumnado de terceiro curso de ESO do Feal o 5 de marzo, de 9.00 a 14.00 horas, e o da Solaina farao o de cuarto curso de educación Primaria o 10 de marzo nese mesmo horario. Na ludoteca municipal tamén se programaron actividades para menores de 3 a 12 anos, concretamente dúas: “Construíndo a igualdade”, hoxe e o martes entre as 16.15 e as 18.00 horas, e “En Feminino”, o vindeiro venres 5 e o luns 8, tamén nese horario. “Participarán nenas e nenos que están xa inscritos nestas instalacións porque debido á situación sanitaria continuaremos traballando con grupos burbulla”, explicou a alcaldesa. A programación do 8M tamén inclúe espectáculos programados no Pazo, como a estrea da obra “Libre coma os paxaros!”, os días 12 e 13 de marzo –ás 20.30 e 20.00 horas-; a representación de “Crónica dunha heterosexual insatisfeita”, o 19 de marzo ás 20.30 e “Chola, a it girl”, o 26 deste mes ás 20.30 horas. “Dentro da programación do Festival Internacional do monólogo teatral Singular tamén apostamos por tres espectáculos vencellados á muller , protagonizados por tres actrices e de tres compañías galegas”, apuntou. Así mesmo, dende hoxe ata o sábado día 13 pódese ver na Biblioteca municipal “A ollada feminista”, unha mostra bibliográfica con obras nas que se destaca o papel de diversas mulleres na historia. O vindeiro luns, coincidindo co Día Internacional da Muller, poderase ver a obra “U-la lúa”, de A Xanela do Maxín. Trátase dunha historia protagonizada pola gatiña Lúa sobre a igualdade onde a violencia non ten cabida e a ilusión fai dos soños unha realidade. Poderase ver ás 10.00 horas aínda que se poderá ver durante 24 horas por streaming no enlace: https://youtu.be/ktNDHKljdZo. Trátase dunha obra recomendada para nenas e nenos de 3 a 8 anos. Dende o Concello entregaranse máscaras conmemorativas do 8M ao persoal municipal que traballa na Casa Consistorial e noutras dependencias municipais, así como monitoraxe de actividades, persoal do Servizo de Axuda no Fogar, dos centros de ensino, etc.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal