Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
OS AXENTES DA POLICÍA LOCAL INFORMARON A FIN DE SEMANA DAS MEDIDAS DE PREVENCIÓN DA COVID-19 AOS LOCAIS DE HOSTALERÍA DA CIDADE QUE RETOMARON A SÚA ACTIVIDADE
A Policía Local ofreceu aos responsables dos locais a información das medidas que deben cumprir actualmente e as que entrarán en vigor o vindeiro venres, día 5
Narón, 1 de marzo de 2021. Os axentes da Policía Local de Narón realizaron durante toda a fin de semana, dende o pasado venres, unha rolda informativa polos establecementos de hostalería da cidade que, segundo as novas indicacións sanitarias, puideron reabrir as terrazas. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, explicou que dende a entrada en vigor das novas medidas tamén se contabilizaron un total de 19 denuncias a persoas que non levaban posta a máscara e catro a outras tantas que incumpriron o peche perimetral da Área Sanitaria de Ferrol. Romero explicou que a maiores dos perceptivos controis para velar polo cumprimento da normativa, axentes da Policía Local ofreceron información dende o venres aos responsables dos establecementos de hostalería e entregáronlles documentación sobre as condicións esixibles para o desenvolvemento da súa actividade en aplicación da nova normativa, feita pública pola Xunta de Galicia no DOG do pasado xoves. Os axentes tomaron nota de cada un dos establecementos visitados, rexistrando a información de cada un deles –nome do establecemento, domicilio social, data de licencia, actividade, horario de peche, propietario, responsable, medios de contacto- e facilitáronlles por escrito toda a normativa aplicable. Os servizos que poderán prestar, a capacidade máxima permitida das terrazas, a limitación da permanencia de grupos de persoas en espazos públicos ou privados, o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, a obrigatoriedade do uso de máscara, o control da capacidade, o cálculo da capacidade interior e exterior… forman parte da información que facilitaron os axentes da Policía Local de Narón aos responsables dos establecementos. Así mesmo, tamén se lles indicaron que a partir das 00.00 horas do vindeiro 5 de marzo deberán dispor obrigatoriamente nun lugar visible do acceso dun cartel con información sobre a capacidade máxima exterior e interior en condicións normais e nas actuais e tamén do porcentaxe de uso máximo, cun código QR e que se deberá ir actualizando segundo o nivel de restricción de cada momento. Tamén se informa sobre o método de rastrexabilidade –en vigor dende o 5 de marzo- e das posibles sancións ás que se enfrontan os responsables dos establecementos no caso de incumprir a normativa en vigor, tal e como indicou o edil naronés. Romero apelou á colaboración cidadá e incidiu na importancia de que “todas e todos nós, neste caso os responsables dos establecementos e as persoas que acuden como clientela, cumpramos as indicacións en vigor para frear o avance desta pandemia e permitir que se alivien pouco a pouco as duras restricións ás que se enfronta este sector dende hai case un ano”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal