A ALCALDESA REUNIUSE COA SUBDIRECTORA DE PLANIFICACIÓN ENERXÉTICA E RECURSOS NATURAIS DA XUNTA DE GALICIA
Marián Ferreiro presentoulle a Isabel Castro algunhas das actuacións proxectadas no municipio para continuara avanzando en materia de eficiencia enerxética e apostando polas enerxías limpas
Narón, 3 de marzo de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse a Santiago para manter unha xuntanza coa subdirectora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, Isabel Castro. A rexedora local solicitou a reunión para abordar coa responsable do citado departamento autonómico algunhas actuacións vencelladas á eficiencia enerxética.
Ferreiro plantexoulle a Castro algunha das iniciativas que nesta materia se pretenden impulsar no termo municipal naronés, co fin de “continuar apostando polas enerxías limpas e reducindo a contaminación á atmósfera, unha liña na que levamos tempo traballando xa coa instalación de alumeado led en instalacións municipais e viais da cidade e sobre a que queremos continuar avanzando, abrindo novas opcións na materia para as que precisamos a colaboración de administracións supramunicipais”.
A alcaldesa destacou que as propostas plantexadas á subdirectora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais “están aínda nunha fase inicial pero son propostas firmes, que daremos a coñecer en canto poidamos concretar a ubicación das mesmas porque consideramos que son viables e que coa axuda da administración autonómica neste caso se poderían materializar”. Ferreiro valorou a receptividade de Castro á hora de tomar nota dos asuntos abordados na xuntanza e amosou a súa confianza en poder contar coa colaboración desta administración para materializar algunha das propostas presentadas.