Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS DA SOLAINA, PIÑEIROS E A GÁNDARA OFERTAN UN TOTAL DE 150 PRAZAS PARA MENORES DE 0 A 3 ANOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o labor que desenvolven as profesionais que traballan nestes tres centros
Narón, 12 de marzo de 2021. As tres escolas infantís municipais de Narón ofertan este ano un total de 150 prazas para menores nados entre os anos 2019 e 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que o prazo de inscrición nos centros da Solaina, Piñeiros e A Gándara rematará o vindeiro día 22 de marzo e destacou o labor que desenvolven as profesionais que traballan nas escolas infantís. Ferreiro explicou que para nenas e nenos de 0 a 1 anos hai dispoñibles un total de 16 prazas en cada un dos tres centros, en horario de mañá ou xornada continuada. No que respecta aos menores de 1 a 2 anos hai 14 prazas dispoñibles na Solaina; 12 en Piñeiros e 20 na Gándara e no baremo de 2 a 3 anos contabilízanse 19 vacantes na Solaina; 17 en Piñeiros e 20 na Gándara para o vindeiro curso. “Na actualidade tan só a escola infantil municipal da Gándara abre en horario de tarde, ata as 20.00 horas, se ben no caso de que houbese demanda suficiente tamén se poderían habilitar tanto na da Solaina como na de Piñeiros dez prazas libres de tarde ou incluso algunha máis en función das idades dos solicitantes, facendo agrupacións internivelares”, explicou a alcaldesa. A rexedora local destacou que o actual curso foi atípico pola situación sanitaria que vivimos e recalcou “o excelente traballo que o equipo de profesionais destes centros realiza día a día para ofrecer as máximas garantías de seguridade nestes centros”. Así mesmo, destacou o labor que desempeñan as escolas infantís en materia de educación emocional “que se incrementou e é máis necesario que nunca debido á pandemia da Covid-19”. “O curso actual foi moi diferente a todos os demais debido a que a situación sanitaria marcou uns retos que polo momento se cumpriron con creces para manter en funcionamento as tres escolas infantís municipais, ao igual que se fai no resto de centros de ensino da cidade”, apuntou. A rexedora local recalcou que “as escolas infantís ofrecen un entorno que se adapta ás necesidades evolutivas dos menores e os equipos fan especial fincapé na actividade a través do xogo, presentando materiais e espazos que potencian a autonomía das nenas e nenos, a adquisición de habilidades…”. Conscientes das necesidades en materia educativa as escolas infantís municipais de Narón ofrecen amplos horarios -7.30 a 17.30 na Solaina e Piñeiros e 7.30 a 20.00 na Gándara-; un proxecto educativo con metodoloxías adaptadas aos menores; servizo de almorzó, xantar e merenda con menús saudables elaborados por unha dietista-nutricionista e amplos espazos para que as nenas e nenos poidan xogar, investigar e aprender. “A todos os servizos que se ofrecen nestes centros hai que sumar ademais o feito de que se conciben como espazos abertos nos que as familias dos menores forman tamén parte do día a día e participan en diferentes iniciativas. Este ano limitouse esa participación debido á situación sanitaria pero confiamos en que en cando sexa posible se retome novamente”, subliñou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal