Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA "DESFRUTA-VERÁN"
O concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, explicou que se trata dunha proposta dirixida a persoas nadas entre 2004 e 2008 empadroadas ou escolarizadas en Narón
Narón, 15 de xuño de 2021. O concelleiro de Mocidade, Pablo Mauriz, anunciou a apertura, mañá, do prazo de inscrición no programa “Desfruta-verán” na Casa da Mocidade. “Trátase dunha iniciativa que se dirixe a mocidade nada entre os anos 2004 e 2008 empadroada ou escolarizada en Narón e que se celebrará do 12 ao 17 de xullo na Casa da Mocidade e tamén con actividades nos concellos próximos”, explicou o edil. O Concello porá a disposición dos participantes un servizo de balde de autobús con saída e volta dende a Casa da Mocidade. Mauriz indicou que se trata “dunha proposta de balde e que oferta un total de quince prazas de quenda libre” e avanzou que as actividades previstas se desenvolverán entre as 10.00 e as 14.00 horas. Saída á praia e ruta en canoa, creación de videoxogos, reggaetón con perspectiva de xénero, roteiros de sendeirismo, obradoiros de diversidade sexual, dinámicas de grupo e actividades deportivas forman parte dos contidos de “Disfruta-verán”. “Entre os obxectivos deste programa están os de ofrecer unha alternativa ao tempo libre da mocidade durante a tempada estival e tamén impulsar un proxecto centrado na educación en igualdade, abordando diferentes temáticas e ofrecendo unha serie de actividades grupais que leven aos participantes a reflexionar sobre temas de actualidade como o racismo, a xenofobia, o sexismo, os delitos de odio…”, apuntou o concelleiro naronés. As persoas que desexen inscribirse poderán facelo dende mañá ás 00.00 horas ata o 6 de xullo ás 13.00 horas, podendo facelo nos horarios establecidos para o Rexistro municipal –de 8.30 a 13.00-, na Sede Electrónica de Narón ou por calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. No caso de enviar a solicitude a través doutro medio deberá comunicarse ao correo electrónico: sociocomunitario@naron.es dentro do día seguinte ao rematar o prazo de solicitude, adxuntándoa debidamente selada, coa xustificación de data e hora da imposición do envío na Oficina de Correos ou no organismo de presentación. As 15 prazas de quenda libre adxudicaranse por sorteo no caso de que a demanda supere á oferta e publicarase na web do Concello –www.naron.es- o lugar, día e hora do mesmo. Para obter máis información pódese consultar a web do Concello, a Sede Electrónica de Narón ou contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1111).

<<< Xaneiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es