Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA REMITIU Á CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN UN DOCUMENTO SOLICITANDO REPARACIÓNS NOS CENTROS DE ENSINO
Marián Ferreiro reiterou á administración autonómica a urxencia en levar a cabo reparacións en centros de ensino da cidade e ampliar a oferta educativa, entre outras demandas
Narón, 18 de xuño de 2021. O Concello de Narón remitiu ao secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, o documento no que se recollen as obras que con maior urxencia precisan os centros de ensino da cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Educación, Mercedes Taibo, mantiveron o pasado martes, día 15, unha reunión telemática con Vila e outros representantes da administración autonómica na que se comprometeron a enviar un documento coas actuacións que se considerasen prioritarias, enviado hoxe mesmo. Entre esas actuacións figura a reparación das cubertas que presentan deterioros ou que aínda teñen instaladas placas de fibrocemento, un material retirado da venda dende o ano 2002. Este é o caso dos CEIP da Gándara, A Solaina e Virxe do Mar, tal e como figura no documento. Os problemas de filtracións de auga provocan no interior dos edificios humidades que impiden manter os centros nun estado axeitado, tal e como indicaron dende o Consistorio. Así mesmo, requírese á Xunta que priorice a substitución das ventás, caldeiras e radiadores dos centros de ensino da cidade por presentar un mal estado xeralizado dende hai varios anos, tal e como se trasladou en anteriores ocasións. É o caso, entre outros, do CEIP Piñeiros, que dende o ano 2017 trasladou á administración autonómica o mal estado da caldeira do centro, con máis de dúas décadas de antigüidade. Os aseos dos colexios da cidade son outra das urxencias marcadas dende a administración local, ao requerirse actuacións integrais nos localizados nos colexios da Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, e O Feal. No caso do colexio Virxe do Mar, donde o Concello investiu 100.000 euros nunha reforma integral de parte dos aseos, serían tamén precisas actuacións noutros aseos. A maiores, tamén se adxuntou un dossier que xa se entregara á exconselleira no que se detallan máis necesidades en materia de reparación nos centros de ensino e con imaxes do estado que presentan as deficiencias descritas, debido a que a día de hoxe continúan sen subsanarse. A alcaldesa reiterou a Manuel Vila a súa disposición a “chegar a un acordo de colaboración coa Consellería de Educación, mantendo o compromiso de analizar e acordar entre ambas administracións as prioridades nesas actuacións co fin de proceder a levalas a cabo á maior brevidade”. A ampliación da oferta educativa na cidade é outro dos asuntos sobre os que se fixo incidencia dende o Concello, ao considerar que é insuficiente a existente a día de hoxe. Co fin de ampliala, solicítase a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional que ofreza os ciclos de Transporte e Loxística e de Comercio Internacional. Finalmente recordouse que o Alto do Castiñeiro, un barrio que experimentou un crecemento dun 85% nos últimos quince anos e ubicado no centro neurálxico da cidade, continúa sen un centro de ensino Primario. Tamén se fai referencia á aprobación das mocións nas que se solicita á Xunta que cada centro de ensino que o solicite dispoña de comedor escolar, melloras no servizo e a inclusión dos almorzos escolares. “Queremos que as rapazas e rapaces que estudan nos centros de ensino de Narón o poidan facer nunhas instalacións axeitadas e para iso é preciso que a Xunta de Galicia asuma dunha vez as súas competencias nesta materia”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa da cidade recalcou que “levamos moitos anos ofrecéndonos a colaborar e esperamos que esa colaboración se poida materializar canto antes e se subsanen as deficiencias que requiren de intervencións urxentes”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal