Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A PROGRAMACIÓN CULTURAL CONTINÚA ESTA SEMANA CON CINE, MÚSICA E UN MERCADO DO COMERCIO LOCAL
As actividades organizadas dende o Concello sucederanse en diferentes ubicacións da cidade e están pensadas para todo tipo de públicos
Narón, 13 de xullo de 2021. A cidade acollerá esta semana varias citas culturais en diferentes ubicacións e dirixidas a todo tipo de públicos. As propostas nesta área continúan esta semana co ciclo “Cine de Verán”, que chegará o xoves 15 e o venres 16 a Xuvia e ao Alto do Castiñeiro, respectivamente. Dúas novas proxeccións infantís, “Maimiño” na Praza do Colexio de Xuvia e “Bruxerías”, na Praza de Galicia, darán comezo ás 22.30 horas nunha pantalla de grandes dimensións para este evento, con entrada de balde e organizado polo Padroado da Cultura en colaboración coa Deputación da Coruña. A música será a protagonista da fin de semana, a través de varias propostas municipais: Noites á fresca, Espazo Verde e Verde que te quero verde. No primeiro dos casos as inmediacións da magnolia de Xuvia serán o escenario sobre o que se desenvolverán os concertos de Budiño&Novoa o venres 16 e de A Banda da Loba o sábado 17, en ambos casos a partir das 22.00 horas e coas entradas esgotadas. A iluminación do espazo contribuirá tamén a revalorizar a posta en escena desta nova edición do programa “Noites á fresca”. Outra das propostas nas que tamén estará presente a música, entre outras múltiples propostas, é Espazo Verde, un mercado de divulgación do comercio local no que xa están inscritos preto dunha vintena de postos locais. Entre as 11.00 e as 00.00 o Parque do Río Freixeiro acollerá este evento, que comezará o sábado 17 coa apertura dos postos ás 11.00 horas e donde se sucederán ao longo do día as diferentes propostas recollidas no programa. Tamén ás 11.00 dará comezo unha clase de ioga, á que se pode asistir levando unha esterilla; ás 14.30 terá lugar un concerto de Carlos Mosquera, “Mos” e de 15.00 a 16.30 retomarase a música con “The Duelist”. Pola tarde ás 17.00 haberá unha festa para nenas e nenos con participación limitada e comezará unha masterclass de zumba e exhibición de hip hop e a última hora, de 20.30 a 22.00 horas actuará a formación “Lode” e de 22.30 a 00.00 horas “3D Band”. O domingo os postos de venda que participan en Espazo Verde reabrirán de novo ás 11.00 horas e o programa inclúe a esa mesma hora unha xornada de asesoramento nutricional e consellos sobre alimentación saudable; ás 12.00 un obradoiro de chapas con participación limitada; de 13.00 a 14.30 un concerto de “Isma Taboada” e de 15.00 a 16.30 outro de “Rocío Varela”. Pola tarde ás 17.00 horas haberá un obradoiro de slime con participación limitada; ás 19.30 unha masterclass de “Upa jump”; ás 20.00 unha exhibición de baile deportivo e de 21.30 a 23.00 horas un concerto do “Dúo Cortem”. Todo isto completarase cunha oferta gastronómica para as dúas xornadas. Para acudir como público poderase rexistrar previamente, de balde, a través da web: www.espazoverde.es. O sábado 17 ás 20.00 horas hai tamén unha cita musical no Pazo da Cultura, donde se celebrará a trixésima edición do Festival Internacional de Folclore. Este ano actuarán como anfitrións a Banda de Gaitas do Padroado e o grupo “Alxibeira”, de Narón, e tamén se subirán ao escenario “Raíces do Perú”, de Perú; “Illa de Pascua-Inanga Rapa Nui”, de Chile e “Ballet Jammu”, de Senegal. Esta cita permitirá un ano máis achegarse tanto á cultura galega a través da música e vestimentas das formacións naronesas como das internacionais que se sumaron á convocatoria. As entradas están á venda no despacho de billetes do Pazo –de 9.00 a 14.00 horas- a un prezo de 3 euros para o público xeral e de de dous para abonados e persoas con tarifa reducida. Finalmente, o domingo 18 de xullo terá lugar a terceira sesión do programa “Verde que te quero verde”, cos espectáculos de Lydia Botana e Mad Martin Trío a partir das 12.30 horas na rúa Francisco Pizarro, na Solaina. A entrada tamén é de balde.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal