Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS NA ÁREA DE ACCIÓN SOCIAL POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 49.500 EUROS
Marián Ferreiro rubricou os acordos cos representantes da Fundación Santo Hospital de la Caridad, Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista, Asociación Párkinson Ferrol, Centro de Recursos Solidarios de Narón e Asociación Sociocultural ASCM
Narón, 28 de xullo de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou convenios de colaboración con entidades que traballan con diferentes colectivos do municipio por un importe que, en conxunto, alcanza os 49.500 euros. A rexedora local rubricou os acordos cos representantes da Fundación Santo Hospital de Caridade, Alberto Manuel Lens; a Asociación de Pais de Persoas con trastorno de espectro autista (Aspanaes), Ignacio Labella; a Asociación Párkinson Ferrol, Raquel González; a Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, e a Asociación Sociocultural ASCM, Paula Gárate. A Fundación Santo Hospital da Caridade é unha entidade sen ánimo de lucro que atende a persoas con dificultades económicas e/ou en exclusión social coa que colabora economicamente dende hai varios anos o Concello naronés. A través desa colaboración a entidade pon a disposición do Consistorio o albergue para acoller a persoas sen teito ou en situación de emerxencia por desafiuzamento, unha actuación que se coordina co Servizo Sociocomunitario de Narón. O acordo rubricado coa asociación Aspanaes, entidade que atende a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e as súas familias, permitirá continuar desenvolvendo o programa de Información e asesoramento familiar a persoas con TEA de Narón. En base ao convenio desenvolveranse actuacións como atención nos servizos de atención residencial e diurna do servizo de información e orientación de Aspanaes e información e asesoramento ás familias das persoas con TEA, entre outras. O convenio coa Asociación Párkinson Ferrol dará continuidade aos programas que se desenvolven dende hai anos na cidade con esta asociación. En concreto, manterase o de Mantemento das terapias dos usuarios de Narón, a través do que se atende a persoas con párkinson de Narón e/ou derivados dende o Servizo Sociocomunitario Municipal. Este programa, tal e como figura no acordo, inclúe servizos de fisioterapia, logopedia, estimulación cognitiva, psicoloxía e grupos de axuda mutua. Así mesmo, a alcaldesa asinou dos convenios co representante da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón. Un de carácter económico para manter o servizo de distribución de roupa, alimentos de primeira necesidade e artigos de aseo e hixiene ás familias máis vulnerables da cidade, que se atopan en situación de dificultades sociais ou/e económicas, e tamén as campañas de recollida, merca e reparto de xoguetes en Nadal e a “operación kilo”. A maiores, coa citada asociación tamén se asinou un convenio que permitirá á entidade continuar utilizando a nave anexa ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para facilitar á veciñanza da cidade o acceso aos recursos básicos que precisa, tal e como se estipula no acordo. En canto á Asociación Sociocultural ASCM, en cuxo acto de sinatura acompañou á alcaldesa a edil de Benestar Social, Catalina García, o acordo permitirá ofrecer á cidadanía de Narón servizos como o de transporte adaptado, actividades psicosociais para traballar sobre as necesidades emocionais e afectivas de persoas con discapacidade e o seu entorno, convocar grupos de apoio virtuais, fomentar competencias creativas e innovadoras e tamén levar a cabo actividades de fomento de hábitos saudables, ao tempo que ofrecer información e asesoramento sobre temas vencellados coa discapacidade. Dende o Concello destacouse o traballo que realizan estas entidades na cidade e tamén se valorou o esforzo que tiveron que realizar debido á situación sanitaria do último ano para manter en moitos casos os mesmos servizos que viñan prestando ou adaptalos ás necesidades e á situación de cada momento.

<<< Xaneiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es