Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E O CINECLUBE SERIE B ORGANIZAN UN CICLO DE CINE EN GALEGO NO QUE SE PROXECTARÁN CATRO PELÍCULAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron a programación xunto con Alberto Pena, presidente do Cineclube Serie B e outros representantes da citada asociación
Narón, 20 de setembro de 2021. O Concello e o Cine Club Serie B organizaron un Ciclo de cine que se desenvolverá este mes e en outubro no Pazo da Cultura. A alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro e o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentaron hoxe a programación acompañados por Alberto Pena, presidente do Cineclube Serie B, Anabel Varela, Aitor Hermida e María Vales, secretaria, tesoureiro e vogal, respectivamente, da entidade. Ferreiro avanzou que se trata dunha proposta con entrada de balde, ata completar a capacidade do Pazo, podendo retirarse as entradas no despacho de billetes do Pazo da Cultura. A alcaldesa destacou o feito de que se trata do primeiro ciclo de proxeccións cinematográficas que se organiza no Pazo e felicitou aos representantes do Cineclube Serie B polo traballo que están realizando para promocionar a sétima arte con diversas propostas que continuarán nos vindeiros meses. Ferreiro avanzou que o Concello asinará o vindeiro ano un convenio de colaboración coa entidade “para continuar contribuíndo a apoiar na cidade as iniciativas como a que hoxe presentamos”. Alberto Pena indicou que a primeira proxección será este mesmo xoves, día 23, ás 20.00 horas –o horario será o mesmo para todo o ciclo-, cando se poderá ver o filme “Sempre Xonxa” (1989), dirixido por Chano Piñeiro e que foi a primeira película galega rodada en 35 milímetros. O vindeiro 30 de setembro proxectarase “A illa das mentiras” (2020), dirixida por Paula Cons e galardoada con cinco premios Mestre Mateo, incluído o de Mellor dirección. A programación continuará en outubro, o día 7, con “Dhogs” (2017), dirixida por Andrés Goteira, e que foi a película máis premiada dos premios Mestre Mateo, con trece galardóns. Finalmente, o 14 de outubro poderase ver no Pazo “Eroski Paraíso” (2019), dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, galardoada nos Mestre Mateo nas categorías de mellor protagonista feminino e masculino. “Este ciclo é unha firme aposta polo cine galego, ao tratarse de catro películas dirixidas por catro cineastas galegos e rodados en tres casos na nosa lingua, con localizacións, actrices e actores de Galicia… donde é sabido que contamos con excelentes profesionais que merecen todo o noso apoio”, recalcou a alcaldesa. Dende o Cineclube Serie B agradeceron a colaboración do Concello de Narón e amosaron a súa ilusión pola organización deste ciclo, que conta tamén coa colaboración, indicaron, da Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e da Xunta de Galicia. Dende a entidade contan xa con algunhas propostas máis para este ano, como unha proxección especial con motivo do Samaín. O 28 de outubro poderase ver no Pazo a película “Pesadilla antes de Navidad”, un clásico infantil moi recoñecido a nivel internacional.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal