Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORA MAÑÁ CON VARIOS ACTOS O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O acto central, no que participarán integrantes da corporación local, terá lugar a partir das 11.30 horas na Praza da Gándara
Narón, 24 de novembro de 2021. O acto institucional organizado polo Concello con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, terá lugar mañá ás 11.30 horas na Praza da Gándara, concretamente nas inmediacións do Monumento á Muller. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidirá a convocatoria, na que estará acompañada doutros representantes da corporación local, lerase un manifesto contra a violencia de xénero e posteriormente haberá unha ofrenda floral ante o citado Monumento á Muller, como é tradicional cada ano por esta data. Os centros de ensino participarán dende as aulas, debido ás previsións meteorolóxicas, nunha Marcha Ciclista Virtual, “Pola igualdade e contra a violencia”. Os escolares de Narón pedalearán nunha bicicleta estática que se instalará en cada colexio, a través do equipo de Educación Viaria, e irán realizando un circuíto virtual que discurre polos colexios de Narón, rematando xunto ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara”. Tamén estará mañá rematado o mural co debuxo gañador do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares: Violencia machista e as redes sociais”, realizado por alumnado de 3º A da ESO do IES Terra de Trasancos. “Imos polo bo camiño” é o título do traballo realizado por Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao, que decorará un espazo público da cidade, xunto á Praza da Igualdade. Precisamente con motivo do 25N descubrirase mañá pola mañá, trala lectura do manifesto, a placa que dá nome a esa ubicación da cidade, moi próxima á Praza da Gándara. Así mesmo, tamén se inaugurará na Praza da Gándara o día 25 unha exposición itinerante do Día Internacional contra a violencia de xénero, e na Biblioteca municipal pódese ver ata o 27 deste mes a exposición bibliográfica “Na loita contra as violencias”. Na xornada de mañá, o Concello procederá a iluminar de cor malva, a partir das 18.30 horas, a fachada do Pazo da Cultura e a glorieta de Freixeiro. O programa de actos inclúe este venres ás 19.30 horas unha sesión de contos para público adulto –a partir de 16 anos- na Biblioteca municipal. “Seica” é o título desta proposta organizada con motivo do 25N e para a que é preciso inscribirse previamente na propia Biblioteca ou chamando ao teléfono 981 382 173. Finalmente, na ludoteca municipal da Solaina tamén se realiza esta semana un mural pola igualdade e outras propostas deseñadas con motivo do 25N como un obradoiro de origami, contos e xogos pola igualdade e o obradoiro de análise musical “Son Violetas”.

<<< Novembro 2022 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14 15
16
17 18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
www.naron.es