Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINOU UNS 27.000 EUROS A ACONDICIONAR UN TRAMO DE FIRME DA SENDA ÁRTABRA AO SEU PASO POR NARÓN
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, percorreron hoxe o tramo no que se procedeu a renovar o firme
Narón, 28 de decembro de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse á Senda Ártabra para ver o remate dos traballos de acondicionamento dun tramo do firme da citada ruta ao seu paso polo termo municipal naronés. A rexedora local destacou o investimento realizado polo Concello, duns 27.000 euros, “para poder acondicionar un tramo desta senda, facilitando a transitabilidade na zona que presentaba un maior deterioro”. O tramo sobre o que se actuou ten aproximadamente tres quilómetros e a maiores da mellora do pavimento, que é de material árido compactado e triturado de saburra, de maior consistencia que o anterior, tamén se procedeu a desbrozar o monte baixo en ambas marxes do citado tramo con medios mecánicos, explicou Ferreiro. Nas zonas de chaira estendeuse o pavimento de árido, ao ser estas menos susceptibles á deterioración por existencia de escorrentías de auga ou polo posible paso de vehículos de tracción, mentres que nas zonas con máis risco de escorrentías ou tendencia ao encharcamento, por localizarse nunha zona de desnivel, se acondicionou o firme con triturado de saburra e material existente no vial que posteriormente se compactou para darlle maior consistencia. A Senda Ártabra une polo tramo costeiro os concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño, e ten unha lonxitude aproximada duns catorce quilómetros, dos que seis se atopan polo termo municipal naronés. “Trátase dun tramo costeiro que se pode percorrer a pé ou en bicicleta e que permite desfrutar da riqueza paisaxística da zona, no caso de Narón, poñendo en valor os cantís e as praias de Lopesa, Casal e Hortiña, ubicadas nun entorno natural que se aprecia por esta ruta”, asegurou Ferreiro. A Pena Molexa e a Pena Lopesa, con gran valor histórico e cultural na cidade, tamén se poden ver polas inmediacións do tramo. A ruta está sinalizada en todo o traxecto e conta tamén con paneis interpretativos en determinados puntos de interese, como as proximidades da Pena Molexa. Os concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño asumiron hai unha década este ambicioso proxecto redactado pola Demarcación de Costas e que contou cunha subvención europea de algo máis de 215.000 euros. O resto do investimento, uns 212.000 euros, sufragárono os tres concellos, sendo o de Narón o que asumiu un custe maior ao discorrer máis tramo, o que supuxo un desembolso que rondou os 100.000 euros. A senda parte da praia de Santa Comba, en Covas (Ferrol) e remata na de Campelo (Valdoviño). “A través desta iniciativa conxunta dende os tres concellos podemos poñer en valor o turismo de natureza, dando a coñecer o potencial costeiro dunha zona incluída en gran parte en espazos protexidos pola Red Natura”, apuntou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal