Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DESTINA PRETO DE 300.000 EUROS Á NOVA PISTA DE LANZAMENTO DE RÍO SECO E MELLORAS NA ILUMINACIÓN E ESTACIONAMENTO DO ESTADIO MUNICIPAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, visitou as instalacións deportivas cos edís de Obras, Pablo Mauriz, e Deportes, José Oreona
Narón, 11 de xaneiro de 2022. O Concello acomete estes días varias actuacións de mellora nas instalacións deportivas do estadio municipal de Río Seco. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse á zona xunto cos edís de Obras, Pablo Mauriz, e Deportes, José Oreona, para comprobar o avance dos traballos. “As actuacións que se están levando a cabo nestas instalacións deportivas municipais supoñen ao Consistorio un desembolso de 298.758 euros, unha contía que nos permitirá dotar dunha pista de lanzamento ao estadio, mellorar a iluminación e tamén a zona reservada a estacionamento”, apuntou Ferreiro. Unha das actuacións que se está levando a cabo nos terreos contiguos ao estadio de Río Seco é a habilitación da pista de lanzamentos de Río Seco, un proxecto orzamentado en 104.544 euros. Os traballos, tal e como explicou a alcaldesa, consisten no acondicionamento dun terreo de aproximadamente 4.500 metros cadrados, anexo ao peche do estadio e propiedade do Concello, como pista de lanzamento. “A aposta do goberno local polo deporte tradúcese en actuacións como esta, coas que queremos mellorar e ampliar as instalacións municipais para a práctica de novas disciplinas deportivas”, explicou. Ferreiro recordou que ata o momento o espazo para lanzamentos de xabalina, disco, martillo e peso, realizábase no interior do propio recinto do estadio de Río Seco. “O feito de que esta disciplina sexa practicada por máis xente e coa finalidade de dotar aos deportistas dun espazo propio para esa práctica, levounos a habilitar unha pista no exterior”, apuntou. As obras que permitirán acondicionar a pista de lanzamento inclúen tamén a demolición de parte do peche actual de bloque para construír un novo. A plataforma de lanzamento de xabalina terá unha superficie de 35x3 metros e a superficie acondicionarase con herba natural. Así mesmo, habilitarase un almacén duns 20 metros cadrados para dar servizo a estas actividades. O Concello destina tamén unha partida de case 64.214 euros ao proxecto que se está realizando para iluminar o estadio municipal de Río Seco, concretamente no novo campo de fútbol de herba artificial. “Unha vez que entre en funcionamento este servizo poderanse utilizar durante máis horas as instalacións do novo campo, que non se limitará á actividade deportiva diurna”, indicou a alcaldesa. “Todas estas melloras virán acompañadas tamén da actuación correspondente á mellora do aparcamento do estadio, que se incluíu entre as obras a cofinanciar con cargo a fondos tamén provinciais e que suporá un investimento de 130.000 euros. Ferreiro destacou o esforzo inversor realizado polo Concello nas citadas instalacións municipais, “que no último ano superou o millón de euros trala construción do novo campo de fútbol de herba artificial, xa plenamente operativo, e coas melloras que están actualmente en execución e que estarán rematadas nos vindeiros meses”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal