Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA REUNIUSE NO RÍO DO POZO CON PERSOAL DO SECTOR DO TRANSPORTE DE MERCADORÍAS E AMOSOU O SEU APOIO ÁS REIVINDICACIÓNS DO COLECTIVO
Marián Ferreiro desprazouse á zona do estacionamento de camións de Río do Pozo xunto co edil de Servizos, Ibán Santalla
Narón, 17 de marzo de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse na tarde de onte ata o polígono de Río do Pozo para amosar o seu apoio ás reivindicacións do sector de autónomos do transporte de mercadorías e pequenas e medianas empresas. “Trátase dun sector que durante a pandemia sufriu tamén os graves efectos da diminución da súa actividade e ao que se suma agora o encarecemento do prezo dos carburantes, entre outros problemas, o que non fai máis que afogar a uns profesionais, abocándoos a unha situación crítica”, asegurou Ferreiro. A rexedora local conversou con representantes do colectivo afectado que pasaron a noite no estacionamento de camións de Río do Pozo e comprometeuse a instalar na zona unha carpa -xa operativa- e un baño químico -que se colocará hoxe mesmo- para que poidan utilizar na zona. Ferreiro recoñeceu a importancia dos problemas derivados da folga iniciada o pasado luns e incidiu na necesidade de que “os problemas, que lamentablemente están afectando a outros sectores e servizos, se solventen de xeito pacífico, apostando pola vía do diálogo entre as partes para retomar canto antes a normalidade”. Como mostra de solidariedade co colectivo, indicou a rexedora local, os tractores do servizo de desbroce estarán parados durante estes días. “As administracións competentes deben poñer con urxencia sobre a mesa solucións reais e en firme que garantan o futuro e a viabilidade do traballo destes profesionais nunhas condicións dignas, adoptando medidas urxentes para paliar o sobrecuste dos combustibles, que deben trasladar ao prezo dos servizos prestados para poder subsistir”, subliñou a alcaldesa da cidade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal