Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CELEBRARÁ O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON ESPECTÁCULOS UN ESPAZO DE LECTURA E UN OBRADOIRO NA PRAZA DA LECTURA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou a convocatoria acompañada das edís de Ensino, Mercedes Taibo, e Festas, Natalia Hermida
Narón, 27 de abril de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou hoxe xunto coas edís de Ensino, Mercedes Taibo, e Festas, Natalia Hermida, unha nova edición do programa municipal “N de Narón, a festa das Letras”. A rexedora local destacou a programación que se desenvolverá un ano máis para conmemorar o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Florencio Delgado Gurriarán, con propostas ao longo de toda a xornada para público familiar, de balde, na Praza da Lectura, nas Vivendas da Mariña (Santa Icía). A maiores dos espectáculos e do obradoiro programados, haberá na zona un espazo de lectura con publicacións en galego de autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas e outro de venda das librarías locais Day e Pasapáxina. A primeira cita será ás 12, cun espectáculo de contos e canción, “Diferentes diferenzas”, a cargo de Silvia Penide. O primeiro libro de Penide é un canto á diversidade, no que se transmite a importancia de valorar, respetar e admirar ás persoas, animais, cousas… e ofrece tamén a posibilidade de que as nenas e nenos aprendan palabras básicas en lingua de signos. A continuación, ás 12.45 será o turno de Xarope Tulú, que trae a Narón nesta ocasión unha proposta de teatro interactivo, “Rilla, Rilla”. Un espectáculo creado para aprender galego, moi dinámico para que o público interactúe e donde as crianzas e as familias serán os protagonistas. As actividades do Día das Letras Galegas continuarán pola tarde, ás 16.00, cun obradoiro de pintura sobre cartón reciclado, denominado “Obradoiro das Efémeras”. Está aberto á participación das crianzas que se acheguen, que poderán confeccionar as súas propias ás con pintura e cartón reciclado, entre outros materiais. A música e os contacontos protagonizan a segunda proposta da tarde, a partir das 17.00 horas, con Jara Ortiz, baixo o título “Lúa triangular”. Unha rapaza chamada Marta e unha píntega, de nome Oli, viaxan xuntas ao Mundo dos Contos, donde viven varias aventuras e transformarán o mundo nun lugar cheo de diversidade e xustiza, coñecendo a protagonistas de contos populares como Branca de Neve ou Carapuchina Vermella. Ás 17.45 horas dará comezo o espectáculo “A ovella Engracia”, con narración oral e música de Aldaolado. Á ovella gustaríalle saber a onde vai a lúa cando sae de noite e por iso decide escapar unha noite e andar tras dela. Nesa viaxe, Engracia aprenderá a confiar en si mesma, a vencer os seus temores e a non perder a curiosidade, converténdose ademais na primeira ovella contadora de historias do mundo. A programación do Día das Letras Galegas rematará co concerto de As Efémeras, que dará comezo ás 18.45 horas. Dende o Concello animaron ás veciñas e veciños a sumarse ás diferentes propostas coas que se conmemorará esta festividade, con propostas lúdicas e ao mesmo tempo didácticas que porán en valor a nosa lingua e a cultura en xeral.

<<< Xaneiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
www.naron.es