Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA PARTICIPOU HOXE NOS ACTOS CONMEMORATIVOS DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR
Marián Ferreiro estivo acompañada pola edil de Ensino, Mercedes Taibo, para conmemorar esta data con alumnado e profesorado da cidade
Narón, 2 de maio de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, participaron esta mañá nos actos organizados con motivo do Día Internacional contra o acoso escolar. A convocatoria de hoxe permite visibilizar o traballo realizado nos Obradoiros de convivencia escolar e de Prevención do Acoso Escolar impulsados dende o Concello e nos que partipan, dende o pasado mes de outubro, preto de medio milleiro de alumnas e alumnos de quinto e sexto de Primaria e primeiro da ESO de centros de ensino da cidade. “En Narón levamos catro anos impartindo obradoiros de convivencia escolar e de prevención do acoso escolar, dúas propostas pensadas para rapazas e rapaces e coa finalidade de dar visibilidade a unha grave problemática que lamentablemente existe e para cuxa erradicación temos que traballar conxuntamente”, recalcou Ferreiro. Os colexios Virxe do Mar, A Solaina, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, A Gándara, O Feal, Santiago Apóstol e o IES das Telleiras celebraron hoxe o Día Internacional contra o Acoso Escolar cunha actividade na que participou alumnado de cada un destes centros. Nos propios recintos escolares ou nas súas inmediacións, procederon a colocar unha lona branca coa impresión do cartel gañador do certame de cartelería dixital organizado este ano, baixo o lema “O alumnado de Narón contra o acoso escolar: Día Internacional contra o Acoso Escolar”. Escolares de primeiro da ESO do CPR Santiago Apóstol foron os gañadores do certame, ao realizar o deseño ao que o xurado outorgou maior puntuación. Nesas lonas as rapazas e rapaces colocaron cintas de cor laranxa –identificativa contra o acoso escolar- con mensaxes de convivencia e contra o acoso escolar. Así mesmo, tamén se realizou un concurso sobre a imaxe publicitaria do obradoiro, que gañou alumnado de sexto de Primaria do CEIP da Gándara. Esa imaxe utilizarase na publicidade dos obradoiros de convivencia escolar e prevención do acoso escolar do vindeiro curso, tal e como indicou Ferreiro. A alcaldesa e a edil de Ensino colocaron tamén mensaxes contra o acoso escolar co alumnado e entregaron os agasallos destes certames, que consistiron nun punteiro láser, un altofalante Bluetooh e tres libros relacionados co acoso escolar, que se entregaron aos representantes da aula gañadora de cada un destes concursos. Ferreiro e Taibo felicitaron ao alumnado e ao profesorado polo seu labor e animáronos a denunciar posibles casos e a continuar traballando para acabar con esta grave problemática dende todos os ámbitos e facendo especial fincapé na prevención da violencia escolar.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal