Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A FESTA DOS MAIOS ORGANIZADA POLO PADROADO DA CULTURA E A SOCIEDADE CULTURAL AREOSA CELEBRARASE ESTE SÁBADO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o programa de actos acompañada polo edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e Maribel Mouriz e Abel González, da Sociedade Cultural Areosa
Narón, 4 de maio de 2022. A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, a presidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, Maribel Mouriz, e Abel González, integrante da citada entidade, presentaron esta mañá a programación da festividade dos Maios, que terá lugar este sábado na cidade. A alcaldesa destacou e agradeceu “a implicación de todas as veciñas, veciños e escolares da cidade que cada ano elaboran os Maios cos que celebraremos esta tradicional festividade que levamos de novo á rúa tras dous anos de pandemia”. A programación deseñada para o día dos Maios comezará ás 11.00 horas na Praza de Galicia, donde se elaborará unha gran alfombra floral cun deseño do artista naronés Leandro Lamas. Na decoración da mesma, unha vez deseñada, poderán participar ao longo da mañá todas as persoas que o desexen. Nesa mesma ubicación e tamén en horario de mañá levarase a cabo un obradoiro de arte floral. A festividade dos Maios continuará pola tarde, coa concentración no Centro Cívico Social de Piñeiros ás 16.30 horas dos Maios que participarán na comitiva que partirá dende alí ás 17.00 horas cara á Praza de Galicia, a donde está prevista a súa chegada sobre as 18.00 horas. Este ano haberá maios da Asociación Sociocultural ASCM, da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, das entidades veciñais Virxe de Fátima (Freixeiro), Rosa dos Ventos (Sedes), A Naveira (Doso) e da Fundación Terra de Trasancos (O Val). Á súa chegada á Praza de Galicia a comitiva será recibida con música, a cargo da Banda de Gaitas de Narón, a agrupación O Recuncho dos Pequechos, os grupos da Escola de Baile Tradicional Infantil e de Adultos e Alxibeira, do Padroado da Cultura. Dende a Sociedade Cultural Areosa agradeceron a aposta do Concello por manter vivo este evento cultural na cidade, cun completo e variado programa do que poden desfrutar persoas de todas as idades. A través do Padroado da Cultura impartíronse os obradoiros de arte floral nos centros cívicos sociais de Piñeiros, O Val e San Mateo e tamén houbo obradoiros dos Maios nos grupos de Infantil e primeiro e segundo curso de Primaria dos colexios Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Escola do Val, Jorge Juan, Santiago Apóstol, A Solaina, Ayala e Piñeiros, tal e como recordou Ferreiro. Dende a organización animaron ás veciñas e veciños a festexar a chegada da primavera con esta celebración, “recuperando unha festividade tradicional na que se implica moi activamente a veciñanza de Narón e na que poder desfrutar tamén da música tradicional cos grupos do Padroado da Cultura”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal