Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNS 1.400 ESCOLARES DE CENTROS DE NARÓN E COMARCA ASISTIRON HOXE NO PAZO DA CULTURA AO CORRELINGUA 2022
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a implicación dos centros participantes e da organización, a cargo da CIG Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG
Narón, 31 de maio de 2022. O Pazo da Cultura de Narón acolleu hoxe a vixésimo segunda edición do Correlingua, unha proposta de carácter lúdico-educativo impulsada pola CIG Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, ademais de administracións públicas, entre elas o Concello de Narón. A convocatoria retomou este ano a modalidade presencial, tralas últimas dúas citas marcadas pola situación sanitaria derivada da pandemia. A alcaldesa, Marián Ferreiro, estivo presente no acto, que se dividiu en dúas quendas e ao que acudiron preto de 1.400 escolares de centros de ensino maioritariamente de Narón pero tamén de Ferrol e Neda, acompañados de persoal docente e representantes da organización. O lema elixido para a actual edición desta convocatoria foi “Fálame!” e desenvolveuse en dúas quendas, unha de 10.00 a 11.00, á que acudiu alumnado dos CEIP Ponte de Xuvia e Virxe do Mar, de Narón, e do Isaac Peral de Ferrol. Na segunda quenda, de 11.45 a 13.00 horas, estivo presente alumnado do CRA de Narón (Domirón, Sedes e O Val), dos CEIP Piñeiros, A Solaina de Narón e tamén do Terra de Ferrol e A Laxe, de Ferrol e dos CEIP San Isidro e Maciñeira, de Neda. A actriz galega Isabel Risco foi a encargada de presentar o acto e de ler o manifesto deste ano, para a continuación comezar a actuación musical de Paco Nogueiras. O mesmo programa repetiuse nas dúas quendas, nas que a alcaldesa da cidade se dirixiu aos asistentes para agradecerlles a súa implicación e colaboración e incidir na importancia de “conservar a nosa lingua, que é parte do noso patrimonio e que debemos usar para garantir o seu futuro”. Ferreiro agradeceu o traballo da presentadora do evento e tamén felicitou a Paco Nogueiras polo seu espetáculo, ao tempo que destacou o traballo de CIG Ensino, A Mesa e AS-PG á fronte da organización. “É un pracer poder colaborar dende o Concello nun evento destas características, sobre un tema co que temos un gran compromiso nesta cidade”, recalcou a rexedora local, que emprazou ao público á vindeira edición deste evento.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal