Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASINOU CONVENIOS CON CINCO ENTIDADES SOCIAIS POR UN IMPORTE CONXUNTO DE 54.000 EUROS
Marián Ferreiro destacou o labor que desenvolven as asociacións nas súas respectivas áreas para atender as necesidades dos usuarios e usuarias e as súas familias
Narón, 6 de xullo de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou cinco convenios de colaboración cos representantes doutras tantas entidades por un importe conxunto de 54.000 euros. No acto estivo tamén presente a concelleira de Benestar Social, Catalina García. Os acordos permitirán manter as actividades e servizos que prestan ás veciñas e veciños da cidade as asociacións Aspanaes, Teima Down, Párkinson Ferrol, Aspaneps e Dignidad Galicia. Ferreiro rubricou con Ignacio Labelle, presidente de Aspanaes, o acordo que permitirá atender a persoas con trastorno do espectro autista, promovendo oportunidades e facilitando apoios específicos e especializados ao colectivo. Dende a entidade ofrecerase información e asesoramento ás familias e continuarase prestando a atención do servizo residencial e de atención diurna, así como varias actividades. A alcaldesa asinou tamén o convenio de Teima Down coa súa presidenta, Patricia Serantes, para continuar desenvolvendo o programa do Servizo de promoción de autonomía persoal e inclusión educativa na franxa de idade de 15 a 21 anos. A iniciativa diríxese a menores con discapacidade intelectual e/ou síndrome de Down e tamén á comunidade educativa. Outro dos acordos rubricados por Ferreiro foi co presidente de Párkinson Ferrol, Benito Rey, para desenvolver o programa de Mantemento das terapias dos usuarios de Narón, atendendo a persoas con párkinson da cidade ou derivadas dende o Servizo Sociocomunitario. Neste caso manteranse os servizos de fisioterapia, logopedia, estimulación cognitiva, terapia psicolóxica e grupos de axuda mutua. No caso da asociación Aspaneps a alcaldesa asinou o acordo coa presidenta, Elena Rodríguez, para prestar atención socioeducativa a menores con necesidades de orientación e apoio no seu desenvolvemento psicosocial e educativo a través de varias áreas, entre elas a comunicación e logopedia, a aprendizaxe e a orientación familiar. Así mesmo, outro dos acordos rubricados por Marián Ferreiro foi coa Asociación Dignidad Galicia, representada pola súa presidenta, Dolores Romero. Neste caso ofrecerase cobertura ás necesidades de alimentación, roupa e condicións mínimas de habitabilidade de vivendas de persoas e familias en situación de emerxencia social. Ademais, captaranse recursos para emerxencia social e ofrecerase colaboración ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Os representantes das entidades agradeceron a colaboración do Concello cos programas e actividades impulsadas por cada unha delas. Pola súa banda, Ferreiro, destacou “o importante labor que levades a cabo día a día con persoas que precisan unha axuda e atención moi específicas e tamén coas súas familias”.

<<< Febreiro 2023 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13 14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
Eventos do Concello
www.naron.es