Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PARQUE DE FREIXEIRO ACOLLERÁ DO 14 AO 17 DE XULLO UNHA NOVA EDICIÓN DO MERCADO MEDIEVAL DE NARÓN
O edil de Feiras e Mercados, Santiago Galego, presentou esta mañá a programación do evento, no que haberá un centenar de postos e varios espectáculos
Narón, 7 de xullo de 2022. O parque de Freixeiro acollerá a vindeira semana, do 14 ao 17 de xullo, incluídos, unha nova edición do Mercado Medieval de Narón. O concelleiro de Feiras e Mercados, Santiago Galego, presentou esta mañá o evento, que contará cun centenar de postos de venda de produtos artesáns, gastronómicos, textis… e tamén gastronómicos. Así mesmo, tal e como avanzou, dende a tarde do día 14 desenvolverase na zona un variado programa de actividades. O Mercado Medieval abrirá as súas portas o vindeiro xoves ás 18.00 horas e media hora máis tarde abrirán o poboado de oficios e o recuncho infantil, con varios xogos de mesa para as nenas e nenos. Na xornada do venres 15 reabrirán pola mañá, ás 11.00 horas os diferentes postos e ás 11.30 o recuncho infantil e o poboado de oficios. Ao longo da mañá o trasgo Froilán amenizará a visita aos nenos e nenas e ao mediodía, ás 14.00 horas, poderase visitar a zona de degustación e probar os manxares que se prepararán na zona. Tralo descanso, ás 18.00 horas reabrirán os postos e media hora máis tarde o recuncho infantil e o poboado de oficios e ás 19.00 horas terá lugar o gran pasarrúas de inauguración, no que participarán todas as compañías, músicos, personaxes fantásticos, acróbatas e outros personaxes que durante a fin de semana estarán no Mercado Medieval. A Música de Treefolk, o Rataurante con receitas ancestrais que repartirán os compañeiros de Tartaruga Teatro e os personaxes fantásticos de Human No Limits forman parte das propostas do venres, que rematará tralo espectacular pasarrúas de peche previsto para as 23.00 horas con Malverok o gran dragón, pirotecnia, fume, lume e a música das gaitas e tambores de Treefolk. O sábado continuará o Mercado Medieval e reabrirá o poboado de oficios ás 11.00 e ás 11.30 horas o recuncho infantil. Pola mañá poderase escoitar de novo a música de Treefolk, observar os trucos de Froilán, ver a numerosos personaxes fantásticos e presenciar a representación “O carro dos matasáns”, de Tartaruga Teatro e outro aéreo de circo con Human No Limits. Os postos gastronómicos reabrirán ao mediodía e pola tarde poderase visitar o Mercado Medieval a partir das 18.00 horas. As receitas para estómagos valentes do Rataurante, con Tartaruga Teatro, a música de Treefolk, a visita do peregrino perdido, Gandulf… forman parte das propostas da programación, que rematará tralo gran pasarrúas previsto sobre as 23.15 horas co Gran Dragón, un espectáculo aéreo, pirotecnia e acrobacias. A última xornada do Mercado Medieval será o domingo 17, coa reapertura a partir das 11.00 horas. A música, a visita de personaxes fantásticos, representacións teatrais, circo aéreo, pasarrúas… sucederanse ao longo da mañá, para realizar un descanso para a Hora do bo yantar ás 14.30 horas e regresar a actividade ao parque de Freixeiro a partir das 18.00 horas. Pola tarde volverá a actividade ao Rataurante, a música de Treefolk, a visita de personaxes fantásticos e do peregrino perdido…sucederanse ata as 22.00 horas, cando dará comezo o último gran pasarrúas desta edición, con Malverok o Gran Dragón, Treefolk, Tartaruga Teatro e Human no Limits, rematando con lume, acrobacias e pirotecnia. A maiores, as nenas e nenos poderán subirse a atraccións infantís, como unha noria, unha torre medieval e un carrusel que se instalarán no parque de Freixeiro. Así mesmo, poderán aprender da man de Regino, o mestre seteiro, a nobre arte da arquería e asistir a charlas de mestres artesáns dirixidas a públicos de todas as idades, con demostracións e interacións.
Descarga de archivos
Programa 2022 Mercado Medieval
Tamaño:47,09 KB

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal