Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ABORDOU ESTA MAÑÁ COA DELEGADA DA XUNTA EN FERROL VARIAS ACTUACIÓNS REQUERIDAS POLA CIDADE
A rexedora local, Marián Ferreiro, valorou a disposición da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, para tomar nota dos asuntos plantexados dende o Consistorio
Narón, 8 de xullo de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, reuniuse esta mañá coa delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, para abordar diferentes temas relacionados coa cidade en particular e a comarca en xeral. A rexedora local naronesa solicitou a xuntanza para expoñer algunhas das necesidades actuais do municipio en áreas sobre as que ten competencia directa a administración autonómica. Un dos asuntos abordados na reunión foi a necesidade de incluír a Narón no marco do ámbito xeográfico do Convenio de Transición Xusta do Plan de Acción Urxente para o plan de comarcas do carbón e centrais en peche. Ferreiro informou a Aneiros que remitiu varios escritos a representantes autonómicos e do Goberno central, respaldados por entidades empresariais da comarca, co fin de que se aborde a situación de exclusión na que se deixou a Narón ao quedar fóra do protocolo a través do que se concederán axudas para proxectos empresariais. Dos trinta e catro municipios afectados na zona, entre eles o de Narón, con persoal na térmica e máis de medio cento en contratas, o concello sen explicación algunha quedou excluído e sen opcións para optar a un trato igualitario e evitar este agravio comparativo que perxudica ás veciñas e veciños de Narón. Así mesmo, a alcaldesa destacou a necesidade de que se constrúa na cidade unha residencia de maiores, cuestión que plantexou nunha xuntanza mantida en febreiro do pasado ano co por entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e que é un servizo moi necesario na oitava cidade de Galicia. No ámbito educativo, tamén lle plantexou á delegada territorial da Xunta a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional que permita ampliar a actual oferta formativa na cidade. Ferreiro explicou que dende o Concello se ofertarían os terreos necesarios para habilitar as instalacións, que permitirían ampliar a oferta de ciclos de Formación Profesional con dous certificados como Transporte e Loxística e/ou Comercio Internacional. A maiores, tamén reiterou a alcaldesa a disposición do Concello a asinar un convenio de colaboración para executar un Plan de investimentos en melloras de centros públicos da cidade e incidiu na importancia de que fose a administración autonómica a que xestionase as tres escolas infantís municipais que construíu o Concello e donde unicamente xestiona unha cuarta, en Xuvia, tamén construída polo Concello e actualmente na Rede Galiña Azul. Tamén en materia de Formación se solicitou a concesión de máis cursos AFD para impartir na cidade, estando concedidos os de Institucións e Axuda a domicilio pero sendo preciso ampliar a oferta formativa. En materia de infraestruturas, solicitou a transferencia da estrada de Cedeira ao Concello unha vez se executen as obras que garantan a accesibilidade e seguridade que require o vial e na área de transportes melloras no servizo, como a demandada liña circular pola Gándara, A Solaina, o centro de saúde e os institutos locais. Respecto ao Servizo de Axuda no Fogar, a rexedora local demandou a intermediación da Xunta no actual conflicto de negociación do convenio colectivo, para que as partes cheguen a un acordo satisfactorio e moi necesario para un servizo imprescindible e cunha elevada demanda. Ferreiro valorou positivamente o resultado da reunión e a disposición de Aneiros para tomar nota dos asuntos que se trataron durante o encontro de hoxe. “Trátase de actuacións e servizos moi necesarios na nosa cidade, que requiren dunha implicación por parte de administracións supramunicipais e que confiamos en que se atendan dende as competencias neste caso da Xunta en beneficio das veciñas e veciños de Narón”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal