Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHAS 400 PERSOAS ASISTIRON Á DEGUSTACIÓN DA "XXII FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO"
Un pregón musicalizado, o xantar baixo a carballeira do Couto, música e xogos populares completaron a programación da xornada
Narón, 17 de xullo de 2022. A vixésimo segunda edición da Festa Gastronómica do Pemento do Couto celebrouse hoxe cun novo éxito de participación. Unhas 400 persoas asistiron á degustación gastronómica deste mediodía, donde o pemento do Couto foi un ano máis o gran protagonista. Baixo a carballeira localizada nas inmediacións do Centro Cívico Social do Couto, nunhas mesas e cadeiras instaladas na zona para a ocasión, reuníronse ás 14.00 horas os comensais para desfrutar dun menú a base de pementos do Couto que se acompañaron de churrasco, cachelos, pan, auga, viño, café ao tizón e sobremesa. Previamente, ás 13.00 horas, o Centro Cívico Social do Couto acolleu o tradicional pregón desta festividade, que correu a cargo do guía de turismo e actor Suso Martínez, licenciado en Historia pola USC, que realizou unha declamación musicalizada en colaboración co músico Manuel de Felisa. Un dos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, o exedil naronés José Luis Suárez, foi o encargado de presentar o acto, no que deu a benvida a todos os asistentes. Suárez agradeceu o traballo das produtoras e produtores de pemento do Couto, unha hortaliza de sobras coñecida e valorada dentro e fóra de Narón e que conta con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010. Suso Martínez e Manuel de Felisa interpretaron a dous trovadores dos tempos do tovador galego Fernando Esquío e fixeron unha narración das glorias dos señores de Trasancos e das terras dadoras dos pementos do Couto, donde está enclavado o mosteiro de San Martiño de Xuvia. Con referencias a Álvaro Cunqueiro, “coñecedor dos pementos que dan estas terras”, aos romeiros que transitan polo Camiño Inglés a Compostela e o Camiño a Santo André de Teixido, aos señores de Trastámara, Fernando de Esquío, Felipe Colmenero, Froila Bermúdez e outros personaxes históricos fixo o pregoeiro referencia ao pemento do Couto, do que exaltou as súas cualidades -“húmido, fino ao degustar e moi carnoso”-, acompañando a súa intervención da música de zanfona con Manuel de Felisa. Cun: “Naroneses, trasanqueses, visitantes, locais, gloria sempre… viva o pemento de Narón, viva Narón, viva Galicia, Viva Trasancos, vivan os condes de Trastámara” rematou Martínez a súa intervención. Antes de finalizar o acto a alcaldesa, Marián Ferreiro, subiu ao escenario acompañada por representantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e entregou un agasallo institucional a Martínez, agradecendo a implicación de todas as persoas que colaboraron na organización deste evento festivo. Despois do xantar, ás 16.30 comezou a actuación do Dúo Karamba e de 17.00 a 19.00 haberá xogos populares na zona da carballeira. A programación desta festividade iniciouse onte á noite, coa iluminación nocturna do mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, a partir das 23.00 horas e os concertos de música de cámara no interior do cenobio, que deron comezo ás 00.30 horas. O Concello de Narón organizou os actos en colaboración coa Cooperativa do Val, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a entidade veciñal da citada parroquia.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal