Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA INSTA Á XUNTA A MELLORAR A ACCESIBILIDADE DA ESTRADA DE CEDEIRA E OUTROS VIAIS DE TITULARIDADE AUTONÓMICA
Marián Ferreiro reuniuse esta mañá co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, nunha convocatoria á que tamén acudiron os edís de Urbanismo, Manuel Ramos, e Obras, Pablo Mauriz
Narón, 7 de setembro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, desprazouse esta mañá a Santiago xunto cos edís de Urbanismo e Obras, Manuel Ramos e Pablo Mauriz, respectivamente, para reunirse co director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Francisco Menéndez. A rexedora local solicitou a reunión para reiterar ao representante autonómico diferentes actuacións solicitadas xa no seu día á Xunta que requiren na cidade viais de titularidade autonómica, debido ao estado que presentan actualmente. Ferreiro subliñou que “unha das prioridades en materia de accesibilidade é a actuación que require a estrada de Cedeira, que en base a unha memoria entregada xa no seu día á Xunta e que novamente se abordou esta mañá con Menéndez, precisa dunha intervención que rondaría os 600.000 euros”. Ferreiro indicou que tamén se presentou na xuntanza un informe da Policía Local no que se constata o mal estado que presenta a vía nun tramo de algo máis dun quilómetro, o comprendido entre a glorieta da estrada de Castela que entronca coa AC-566 e a ubicada nas inmediacións do IES As Telleiras. Elementos de formigón que estreitan o paso en beirarrúas dificultando o tránsito peonil, invasión de maleza, baldosas deterioradas, levantadas, soltas ou inexistentes… son parte dos danos que presenta actualmente o citado vial. O proxecto, tal e como apuntou a alcaldesa, “contempla a renovación das beirarrúas existentes, adaptándoas á normativa de accesibilidade e, ao mesmo tempo sería importante aproveitar para renovar as canalizacións de servizos (abastecemento, alumeado…) que discurren polo tramo”. A maiores, Ferreiro entregou informes nos que se reflectía o estado actual que presentan outros dous viais de titularidade autonómica, a AC-112 (estrada de Pedroso) e a AC-116 (Valdoviño por San Mateo e O Val). En ambos casos, sucédense tamén, como reiterou a alcaldesa, os problemas no estado das beirarrúas e as invasións por maleza deses espazos. “Unha vez máis instamos á Xunta a que asuma as súas competencias e manteña en bo estado estes viais, dos máis transitados tanto por vehículos como a pé e que dende hai anos presentan graves deficiencias que non fan máis que agravarse co paso do tempo debido precisamente a esa falta de mantemento e compromiso coa nosa cidade e, polo tanto, coas nosas veciñas e veciños”, denunciou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal