Os asistentes poderán viaxar en tren a Pedroso por 2 euros ida e volta.
Narón, 30 de Abril de 2010.- O Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, e a directora de viaxeiros de FEVE (Ferrocarrís de Vía Estreita), Diana González Méndez, asinaron hoxe no Concello un convenio de colaboración para promocionar a Romaría en honor á Virxe da O, na parroquia de Pedroso.
Segundo este convenio, o Concello aportará á empresa FEVE un total de 5.000 euros e beneficiará a tódalas persoas que acudan o día 9 de maio á Romaría da O e o fagan desprazándose en tren. Así, os billetes de ida e volta da liña Ferrol-Ortigueira (da zona 1) terán ese día un prezo para os usuarios de 2 euros, rebaixándose nun 20% respecto ó prezo ordinario. A zona 1 comprende as seguintes paradas de tren: Ferrol, San Xoan, Virxe do mar, Santa Icía, O Alto, Piñeiros, O Ponto, Xuvia, Ferrerías, Sedes, Pedroso e San Sadurniño.
O Convenio entre Narón e FEVE nace co fin de promover, facilitar, fomentar e incentivar a participación na romaría e contribuir así ó éxito da iniciativa. O Alcalde declarou ó respecto que queremos seguir potenciando esta romaría e poñela ó nivel que tiña fai algúns anos, porque tradicións coma ésta non se poden perder. A responsable de viaxeiros de FEVE agradeceu ó Concello a sua invitación a participar neste evento.
A comisión de Festas encargada da elaboración do programa da Romaría da O ten previsto unha serie de actos para ese día. A vicepresidenta desta agrupación, Pilar Testa, explicou que os festexos comenzarán o dia 8 de maio cunha misa solemne e sesión vermú a cargo da orquestras Nueva Generación e Duo Bambú. O 9 de maio a misa solemne irá seguida dunha procesión acompañada pola Banda da Escola de Musica de A Pombiña. A continuación, actuará a orquestra Fin de Siglo.
Ambos días haberá tamén misas ás 10, 11, 12, 13:30 e 17 horas.