Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
REPRESENTANTES DOS TRES CONCELLOS IMPLICADOS NO PROXECTO ÁRTABRO INCLUSIVO VISITAN AS INSTALACIÓNS DE SAÚDE MENTAL FERROL, EUME E ORTEGAL
Dentro desta iniciativa desenvolvida ao abeiro dos GALP, os usuarios e usuarias da entidade reutilizan as madeiras recollidas do mar para crear novos obxectos decorativos, de bisutería e outros que se poñerán á venda xunto cos elaborados no obradoiro de reciclado de plásticos de Aspaneps
Narón, 18 de outubro de 2022.- Representantes dos tres concellos implicados no proxecto “Ártabro Inclusivo” (Narón, Fene e Ferrol) xunto con responsables do GALP Golfo Ártabro Norte -ao abeiro do que se desenvolve a iniciativa- e doutras institucións colaboradoras visitaron esta mañá as instalacións de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, situadas en Narón. Entre outros asistiron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e os concelleiros Santiago Galego e Román Romero; o de Fene, Juventino Trigo, e a concelleira Ángeles Coira; técnicos dámbolos dous concellos e do de Ferrol; o presidente do GALP Golfo Ártabro Norte, José Manuel Fernández Lage, e a presidenta da xunta directiva de Aspaneps, Elena Rodríguez. Os usuarios e usuarias de Saúde Mental son, cos de Aspaneps, os protagonistas dunha das patas de Ártabro Inclusivo: nas dúas asociacións organízanse obradoiros para reutilizar lixo retirado do mar e convertilo en novos obxectos que se poñerán á venda unha vez rematado o proxecto. Os talleres de Saúde Mental usan a madeira como materia prima. Nalgúns casos reciclan palés, pero noutros son as propias peculiaridades dos restos atopados nas praias os que determinan a forma que se lles dará aos seus produtos, de aí que teñan un carácter artesanal e de pezas únicas, aínda que partan dun deseño similar. Para traballar a madeira, a entidade recibiu do proxecto Ártabro Inclusivo unha serra de cinta, outra de marquetería, unha lixadora de disco e banda, outra de cilindro, un láser para gravar a madeira, así como brocas e material funxible. As persoas participantes na visita puideron comprobar como se traballa no obradoiro -que dirixe o monitor Antonio Carro- e ver algunhas das pezas que formarán parte dese catálogo de produtos, entre elas catro máscaras artesanais deseñadas por alumnado da Escola de Deseño Industrial, xa que o Campus de Ferrol é unha das institucións que participan nesta iniciativa. Ademais hai chaveiros, bisutería, trofeos, lámpadas, reloxos, esculturas e outras pezas decorativas que se poñerán á venda para entidades, institucións e particulares. No percorrido polas instalacións, guiado por o presidente de Saúde Mental, Félix Pena; a directora, Divina Ameneiro; e a terapeuta ocupacional Sara Pérez Seijas, os asistentes coñeceron as outras actividades que se desenvolven na entidade, desde obradoiros de manualidades ata informática, estimulación cognitiva, deporte ou traballo con lá. Estase a celebrar tamén un curso de cociña -moi importante para as persoas usuarias que residen nos pisos de vida independente cos que conta a entidade- e a institución continúa avanzando na organización de actividades de formación orientadas á inserción laboral. Dentro do proxecto Ártabro Inclusivo, os usuarios e usuarias de Aspaneps en Fene están recibindo nestes momentos formación por parte da Universidade para aprender a separar, triturar e dar novos usos aos plásticos coa maquinaria que pon á súa disposición o proxecto. A iniciativa, que remata a finais de novembro, ten como principais obxectivos os seguintes: Promover a integración social a través dunha iniciativa que traballa na erradicación e valorización dos residuos da zona costeira. Para isto, foméntase a colaboración entre os concellos, o sector da inclusión social e o pesqueiro para deseñar proxectos de economía circular, contribuíndo deste xeito a reforzar o dinamismo social, económico e ambiental da zona costeira. Fomentar a colaboración dos concellos a prol dunha sociedade máis inclusiva, reforzando a conexión co ámbito da inclusión social e o pesqueiro. Apostar por un desenvolvemento económico sostible baseado na economía circular. Realizar actividades ocupacionais laborais ou terapéuticas nos centros de inclusión social a través da valorización do lixo plástico para obter un beneficio social, económico e ambiental. Promover a inclusión laboral das persoas que forman parte das entidades de inclusión social. Fomentar colaboración das confrarías coas entidades sociais. Sensibilizar ao sector pesqueiro sobre a problemática do lixo mariño e o aproveitamento sostible dos refugallos do mar. Reforzar o traballo en rede do sector do mar e o seu papel como entidades de economía social. Poñer en valor os produtos de nova creación.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal