Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSOU DURANTE O PASADO ANO MÁIS DE 7.300 HORAS DE ACCIÓNS FORMATIVAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a colaboración das empresas no apartado de prácticas e tamén o investimento realizado con recursos propios para convocar cursos gratuitos para persoas desempregadas
Narón, 21 de xaneiro de 2023. O Concello de Narón impulsou o pasado ano máis de 7.300 horas de formación nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, a Aula Cemit de Xuvia e os centros cívicos sociais da cidade. Así o destacou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, que incidiu "na gran variedade de accións formativas que se ofertan na cidade ao longo do ano, dirixidas a persoas de diferentes idades e con carácter maioritariamente formativo pero tamén nalgúns casos lúdico e con fins de conciliación da vida familiar e laboral”. Así mesmo, destacou o feito de que “grazas a esta formación formalizáronse varios contratos de traballo en empresas pertencentes a diferentes sectores”. No que respecta ao Programa Municipal de Formación, dirixido a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón, ao longo do pasado ano impartíronse un total de 3.127 horas de formación. “Unha cifra moi importante e que permitiu ofertar 276 prazas entre xaneiro e decembro de 2022 para ofrecer unha gran variedade de cursos, algúns deles con prácticas en empresas”, destacou a alcaldesa, Marián Ferreiro. En canto ao citado programa, impartíronse accións formativas de Prevención de riscos laborais, Operador de carretillas e plataformas elevadoras, Manipulador-aplicador de produtos fitosanitarios, Inglés, Soldadura, Caldeirería e tubaxe, Reposición, caixa e atención sección supermercados, Peixería, Permisos C, E e D, Iniciación bobinador de motores eléctricos, Almacén e loxística, Fontanería, Montaxe de estadas multidireccionais e Operador de ponte guindastre. “Dende hai anos, e co fin de atender as necesidades que en cada momento se dan no mercado laboral en canto á procura de perfís profesionais, convocamos accións formativas orientadas á demanda dos diferentes sectores da zona”, apuntou a rexedora local. A finalidade é que as persoas que rematan con éxito estes cursos, subliñou, “teñan maiores facilidades de cara á súa inserción laboral”. A maiores, na Aula Cemit de Xuvia e en centros cívicos sociais das parroquias da zona rural impartíronse entre xaneiro e decembro do pasado ano 2.016 horas de formación. O programa Informática Divertida, con convocatorias no verán e no Nadal, é unha das propostas programadas cada ano cun fin formativo, dirixida a menores e tamén para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. En canto ás materias, en 2022 leváronse a cabo accións formativas do programa Cemit como: Deseño gráfico con Canva, Competencias dixitais en ofimática, Internet e informática básica, Contabilidade e Recursos Humáns, Edición de imaxes con GIMP, Trámites electrónicos, Teletraballo, reunións en liña e capacitación online, Ferramentas TIC para a gamificación na aula e Busca de emprego 2.0. “Neste caso, un total de 245 persoas participaron nestes cursos, tamén de balde para a cidadanía e cunha gran variedade de propostas” Con cargo á Consellería de Emprego promovéronse dous certificados de profesionalidade nivel 2, cun total de 30 prazas. Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e Atención sociosanitaria a persoas no domicilio foron as dúas propostas, que se levaron a cabo nun total de 1.086 horas nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. Nese mesmo centro municipal impartíronse a maioría dos cursos do Programa Integrado para o Emprego da Mancomunidade, dirixido a un centenar de mulleres dos concellos de Narón, Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda e Valdoviño. Limpeza industrial, limpeza e desinfección na industria alimentaria, preeleboaración e conservación de peixes, crustáceos e mariscos, cociña, primeiros auxilios, monitor de tempo libre, ludotecas, educación emocional, Mobilización de enfermos, Xestión de redes sociais no ámbito comercial, Atención á clientela, Condución de carretillas elevadoras, Alfabetización dixital, Operacións básicas de caixa.. foron algunhas da vintena de cursos impartidos, que ocuparon un total de 1.125 horas. Neste caso tamén se realizaron prácticas en empresas nalgunhas das modalidades e conseguiuse a inserción laboral dun total de 58 persoas. A alcaldesa destacou tamén “a colaboración que nos ofrecen as empresas nas que realiza prácticas o alumnado dalgunha destas accións formativas, porque se implican ao máximo e son tamén unha peza fundamental neste proceso de aprendizaxe”. Destacou tamén Ferreiro a aposta do goberno local pola formación, sendo un dos poucos concellos que programan con recursos propios formación municipal para persoas desempregadas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal