Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE ACOLLIDA DAS PRIMEIRAS VISITAS GUIADAS ORGANIZADAS POLO CONCELLO AO MUIÑO DE XUVIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, participou na xornada e valorou as boas impresións que trasladaron as persoas que accederon á edificación
Narón, 24 de marzo de 2023. O muíño de Xuvia acolleu esta tarde as primeiras visitas guiadas abertas á cidadanía. Máis dun centenar de persoas participaron na primeira hora de apertura dun percorrido por unha das xoias do patrimonio do Concello de Narón, recentemente rehabilitada. A alcaldesa, Marián Ferreiro, participou tamén nesta xornada, e valorou o éxito de acollida que están tendo entre as veciñas e veciños estas visitas. As persoas que o desexen poderán tamén acudir mañá durante todo o día, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00, e a vindeira fin de semana, os días 1 e 2 de abril de 16.30 a 20.30 horas. “Moita xente estábanos pedindo visitalo e outros preguntaban cando íamos abrilo, polo que consideramos que unha vez rematado o proxecto de rehabilitación, que supuxo un desembolso de 1,25 millóns de euros, era o momento de abrilo uns días, antes de iniciar a musealización interior, que suporá outros 240.000 euros, para que se achegasen as persoas que quixesen facelo”, explicou Ferreiro. A sensación que trasladaron os visitantes desta tarde sobre o traballo realizado foi moi positiva en canto ao resultado final das obras acometidas nesta construción do século XVIII. Guías especializadas en turismo encargáronse de percorrer cos grupos, dous simultaneamente, o interior da edificación e explicarlles boa parte da historia do muíño, ata onde chegaron no século XVIII un grupo de intelectuais franceses que o puxeron en marcha, a familia Lestache e tamén os Bucau, colocando a Narón no mapa das rutas comerciais de fariña, que era exportada a medio mundo dende Xuvia. A recepción, con mapas ilustrados, mapas antigos e un gran mural; unha sala introdutoria, a Sala Lestache, outra polivalente para exposicións, a Sala dos Muíños, coa Sala Bucau e a da Cultura industrial…. formarán parte do resultado final dos traballos, unha vez musealizada a construción. Os visitantes coñeceron da man das guías de turismo a historia do muíño de Xuvia, as diferentes estancias que integran a construción e tamén o proxecto de musealización e tiveron a oportunidade de visionar un vídeo no que se aprecia o gran cambio que experimentou dende o inicio das obras. “É un orgullo ver o resultado final e tamén como a xente aprecia o traballo realizado nos últimos meses para rehabilitar este muíño” asegurou Ferreiro, que animou ás veciñas e veciños a achegarse mañá ou a vindeira fin de semana para poder ver o interior da edificación. A actuación realizada no muíño, que supuxo un desembolso de 1, 25 millóns de euros, está cofinanciada pola Deputación da Coruña e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 e enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal