Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UFD INVESTIRÁ 3,6 MILLÓNS DE EUROS NO SOTERRAMENTO DAS LIÑAS DE ALTA TENSIÓN ENTRE NARÓN E FERROL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, desprazouse ao barrio da Solaina, onde se localiza unha das torretas, xunto con responsables da distribuidora eléctrica de Naturgy
Narón, 27 de marzo de 2023. UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy, investirá 3,6 millóns de euros no proxecto de soterramento dun tramo da dobre liña de alta tensión que transcorre dende o barrio da Solaina, no Concello de Narón, ata a subestación eléctrica de Santa Mariña, en Ferrol. As obras, que se executarán este ano, permitirán desmontar 9 torres de alta tensión e un tramo de 1.600 metros das dúas liñas aéreas de alta tensión Narón-Santa Mariña. O proxecto tamén inclúe a construción dunha nova liña soterrada de alta tensión de 2.600 metros de lonxitude. O delegado de UFD na Coruña, Emilio Castro, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, visitaron hoxe o emprazamento das obras, no barrio naronés da Solaina, e comprometéronse a seguir colaborando na mellora continua da calidade e garantía de subministración na zona. Para Emilio Castro, “este proxecto de soterramento supón un dos investimentos máis importantes da distribuidora na zona e é unha proba máis do compromiso desta compañía co desenvolvemento enerxético e económico da comarca de Ferrol e da vocación de traballar para asegurar a fiabilidade e a calidade da subministración eléctrica a todos os veciños.” Así mesmo, destacou que “o soterramento do dobre circuíto supón a eliminación do impacto visual das instalacións eléctricas entre Narón e Ferrol, e permitirá, ademais, que os veciños recuperen a servidume das súas propiedades”. Pola súa banda, a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, “agradeceu a UFD polo importante investimento que permitirá eliminar a torreta de alta tensión da Solaina e soterrar a liña cara á subestación da Mariña, o que suporá unha mellora da paisaxe urbanística dun dos barrios máis poboados da cidade. “ Tamén lembrou que “o Concello de Narón está a acometer un importante proxecto de humanización no barrio da Solaina, cuxo plan de obras modificarase para priorizar o soterramento da liña e evitar ter que levantar de novo a zona”. Para o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, esta actuación dará resposta a unha demanda que ambos os concellos veñen expondo desde hai anos e beneficiará a un gran número de veciños dos barrios de Santa Mariña, San Xoán e Santa Icía. Trátase dun investimento moi importante para a cidade e estamos moi satisfeitos de que vaia a acometerse". Presenza de UFD na Coruña e en Galicia UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, xestiona na provincia da Coruña máis de 23.000 quilómetros de rede de baixa e media tensión, preto de 10.300 centros de transformación e dá servizo a máis de 715.000 puntos de subministración. En Galicia, a distribuidora eléctrica de Naturgy fornece a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias, a través dunha rede de 60.300 quilómetros de rede. A distribuidora eléctrica investiu 618 millóns de euros nos últimos cinco anos para mellorar a súa calidade servizo e reforzar as súas infraestruturas en Galicia. Os investimentos realizados centráronse en innovación e aplicación de novas tecnoloxías para avanzar na telemedida e telexestión dos puntos de subministración, no telecontrol e sensorización das redes, así como no fortalecemento das infraestruturas, co obxectivo de integrar o incremento da xeración renovable. Só en 2022, a compañía investiu 138 millóns de euros a este fin, dos que 17 millóns foron destinados expresamente á dixitalización e automatización da rede, con proxectos de supervisión avanzada en Baixa Tensión, actuacións en Media e Alta Tensión, ciberseguridade e xestión avanzada de activos, entre outros. Os investimentos realizados en sensorización e dixitalización das súas infraestruturas permitiron a mellora da calidade da subministración eléctrica. O indicador que mide a calidade da subministración eléctrica, o tempo de interrupción equivalente á potencia instalada (TIEPI), sinala que a interrupción media do servizo foi de 54,8 minutos durante o ano pasado, cunha mellora do 21% no últimos cinco anos.
Más fotos de la noticia

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal