Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 650 ESCOLARES PARTICIPAN DENDE HOXE NAS "II XORNADAS DE SEGURIDADE" QUE OFRECEN OBRADOIROS Á CIDADANÍA
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, recordou á cidadanía que pode anotarse, de balde, aos obradoiros que se impartirán no marco da programación
Narón, 22 de maio de 2023. Un total de 651 alumnas e alumnos de quinto e sexto curso de educación Primaria de dez centros de ensino de Narón participan dende hoxe nas actividades impulsadas polo Concello a través das “II Xornadas de Seguridade”, que contan coa colaboración, entre outros, do equipo de Educación Viaria e do SPEIS. O concelleiro de Seguridade Cidadá e SPEIS, Román Romero, recordou que “a maiores das prospostas pensadas para os escolares, temos unha serie de obradoiros, todos eles de balde, abertos á cidadanía, impartidos por profesionais e que abordarán diferentes temas vencellados á seguridade”. Os actos programados desenvolveranse dende hoxe ata o 1 de xuño en varios espazos da cidade. As actividades co alumnado dos colexios de Piñeiros, Jorge Juan, Ponte de Xuvia, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, A Gándara, Santiago Apóstol, O Feal e Nuestra Señora de Chamorro iniciáronse hoxe co dos dous primeiros centros na praza do Colexio de Xuvia. Na xornada de mañá será o turno do alumnado do Ponte de Xuvia e Nosa Señora de Chamorro, na mesma localización e horario, de 10.00 a 13.00. A través do enlace: https://www.naron.es/web/docs/II-Xornadas-de-seguridade.pdf pódense consultar todas as convocatorias, que esta semana continuarán na praza de Galicia, cos centros Ayala e Virxe do Mar o mércores e o da Solaina o venres. Romero explicou que a programación inclúe unha serie de obradoiros dirixidos a público en xeral, todos eles de balde e que permanece aberto o prazo de inscrición. Unha das propostas é un obradoiro de Primeiros auxilios, actuación e prevención antiincendios, que terá lugar o mércores 24 na Praza de Galicia, en horario de 10.00 a 11.30 para persoas maiores e de 11.30 a 13.00 para o público xeral. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Educación Viaria do Concello, a través do correo electrónico: seguridadevial@naron.es ou do número de teléfono 666 438 222. A maiores, este mércores terá lugar o “V Obradoiro de Seguridade infantil”, de 17.00 a 19.00 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros. Neste caso, as inscricións poden tramitarse a través dos correos electrónicos: seguridadevial@naron.es e alibebe@alibebe.es ou do número de teléfono 666 438 222. Finalmente, o venres 26 terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, de 16.30 a 20.00 horas, o “III Obradoiro teórico práctico de acompañante de transporte escolar”, para o que se poden anotar as persoas interesadas a través da Sede Electrónica do Concello. O concelleiro de Seguridade Cidadá animou á veciñanza a participar nestas actividades e agradeceu a implicación do equipo de Educación Viaria, o SPEIS e tamén a colaboración da delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura e da empresa Ali Bebé para poder levar a cabo estes actos da “Semana da Seguridade”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal