CONVOCADA UNHA NOVA EDICIÓN DO FORO DE CIDADÁS, NA QUE SE DEBATIRÁ A SITUACIÓN DA MULLER NAS ZONAS DE CONFLICTO
Terá lugar na Biblioteca Municipal, o vindeiro 30 de setembro.
Narón, 22 de Setembro de 2010.- A Concellería de Igualdade de Narón, dirixida pola edil Mª del Carmen Espada, ven de convocar unha nova edición do Foro de Cidadás, enmarcado no I Plan de Igualdade das Mulleres de Narón.
A nova cita será o xoves 30 de setembro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Municipal do Alto. A finalidade do Foro de Cidadás é a de ofertar un espazo de comunicación para as mulleres, onde establecer redes de apoio mútuo, compartir experiencias e intercambiar opinións. Ademáis, tamén serve como nexo entre as demandas das mulleres e o propio Concello, fomentando a participación das mesmas, e exercendo os seus dereitos.
Esta nova edición do Foro de Cidadás leva por título Solidariedade coas mulleres do mundo: a situación das mulleres en zonas de conflicto e consistirá nunha conferencia e na proxección dun vídeo a cargo da Marcha Mundial das Mulleres. As participantes poderán asistir á proxección do vídeo da III Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, e á curtametraxe documental Crímenes Invisibles de Wim Wenders, na que se lle dá voz ás mulleres do Congo.
O Concello pon a disposición pública un servizo de atención para as mulleres con persoas dependentes ou menores ó seu cargo, durante o tempo que dure o Foro. As interesadas deberán solicitalo no Concello, no teléfono 981 33 77 00 (extensión 1113) con 4 días de antelación.
Por outra banda, a Concellería de Igualdade mantén aberta no Pazo da Cultura de Narón a exposición Elas sempre están na que se lle ofrece unha homenaxe á muller rural a través de 15 fotografías da artista italiana Elisa Gianni, e un poema da galega Lucía Ardao. Poderá visitarse en horario de mañá e tarde ata o vindeiro 30 de setembro.