A COMPAÑÍA TEATRO DO NOROESTE ESTREA NO PAZO DA CULTURA A OBRA "HISTORIAS PEREGRINAS"
Haberá funcións o venres ás 20:30 e o sábado ás 20:00 horas.
Narón, 23 de Setembro de 2010.- O Pazo da Cultura de Narón acollerá mañá o estreno da obra Historias peregrinas da compañía Teatro do Noroeste, que porá en escea este espectáculo o venres ás 20:30 horas e o sábado ás 20:00 horas. O prezo das entradas é de 8 euros para o público en xeral, e ten unha duración de 90 minutos.
Dirixida a maiores de 14 anos, esta obra é unha comedia sobre as apariencias, protagonizada por unha delicada galería de personaxes que falan da vida con sinxeleza e sentido do humor.
O Concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, presentou hoxe o espectáculo, acompañado do director do mesmo, Eduardo Alonso, quen asegurou que cada vez é máis complexo facer teatro en Galicia, pero afortunadamente Narón segue a ser unha excepción na realidade deste sector, apuntou. Unha das protagonistas de Historias peregrinas, a actriz Luma Gómez, engadiu que dende Teatro do Noroeste valoramos moitísimo o proxecto cultural e teatral que ven desenvolvendo o Concello de Narón ó longo dos últimos anos, calificando a este municipio coma unha cidade adelantada ás demais, cunha escola de formación de actores e actrices e un magnífico Auditorio.
Respecto ó espectáculo en sí, o director do mesmo calificou esta obra como unha comedia actual, intelixente e ben escrita, que reflexa a xente como nos, que se lanza ó mundo e se atopa con problemas por todas partes, suliñou Eduardo Alonso.
Outros dos actores presentes na rolda de prensa de hoxe foron Carlos Mosquera Mos e Xan Casas, que animaron ó público en xeral a asistir ó estreno desta obra, escrita por Miguel Anxo Murado no ano 1994.