Se celebrará o dia 21 de decembro. Para asistir é imprescindible inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello.
Narón, 13 de Decembro de 2010.- A Biblioteca Municipal do Alto acollerá o vindeiro dia 21 de decembro o Obradoiro de Emancipación Xuvenil sobre Emprego e Vivenda, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración co INJUVE (dependente do Ministerio de Igualdade). Trátase dun programa no que se darán a coñecer á mocidade as ferramentas necesarias e os recursos dos que dispón a Administración, para facilitar a emancipación da mocidade galega.
Esta iniciativa diríxese a mozos e mozas menores de 30 anos, animadores xuvenís, técnicos locais de emprego, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de xuventude, asociacións xuvenís e en xeral a todos aqueles colectivos interesados na xuventude, na vivenda e no emprego. Este obradoiro foi solicitado polo Concello de Narón á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta.
O Obradoiro ten unha duración de 3 horas (comenzará ás 17:00 e rematará ás 20:00 horas) e para poder participar é imprescindible inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) situada no 1º andar do Concello, en horario de mañá (de 8:30 a 13:30 horas).
A Concelleira de Mocidade de Narón, Natalia Hermida, animou á xuventude a participar neste seminario, de carácter práctico. Dende o Concello de Narón creemos que é un programa interesante para os mozos e mozas, xa que poderán coñecer os recursos dispoñibles en especial en materia de emprego e autoemprego. Ademáis, tamén saberán qué axudas lles ofrecen as administracións para adquirir ou alugar unha vivenda, sinalou a edila.
O programa do Obradoiro de Emancipación Xuvenil é o seguinte:
EMPREGO
-Perspectivas actuais en materia de emprego.
-O currículo vitae: deseño e presentación.
-Emprego autónomo: constitución, axudas e subvencións.
-Sociedades mercantís: axudas e subvencións, e financiación allea.
-Emprego no exterior.
VIVENDA
-Compra de vivenda.
-Aluguer de vivenda: bolsa de aluguer.
-Renda Básica de Emancipación.
ONDE ATOPAR A INFORMACIÓN?
-Información administrativa.
-Oficinas de información xuvenil.
-Concellos.