Impulsados polo programa municipal "Monterrendible", deseñado para dinamizar estas parcelas de cara á súa rendabilidade económica.
Narón, 15 de Abril de 2013.- As Concellerías de Promoción Económica e Formación Laboral e Emprego, dirixidas polos edís Pablo Villamar e Mª del Mar Gómez respectivamente, a través do programa Monterrendible veñen de lograr o seu obxectivo central: promover e dinamizar a propietarios de fincas, baldías e forestais, para que se asocien e realicen contratos de servizos que lles permitan aforrar custes e vender a mellor prezo os seus produtos.
No mes de marzo, o Concello concluíu un proceso de sensibilización por medio do cal se atenderon máis de 200 consultas (con propietarios de Narón e doutros concellos como Pontedeume, Fene, San Sadurniño, Valdoviño, Moeche, Cerdido e Ferrol), ofrecendo información e asesoramento a propietarios de fincas sobre a posibilidade de rentabilizalas. E na primeira semana de abril constituíuse a comisión xestora desta asociación de propietarios de fincas rústicas, que redactou unha proposta de estatutos da asociación para preparar a legalización desta entidade.
Realizados estos trámites, o vindeiro xoves 18 de abril ás 20:00 horas terá lugar no Parque Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova (Sedes) a asamblea fundacional desta asociación, a partir da cal se elevará ao rexistro autonómico de asociacións para a súa legalización.
A asociación de servizos agroforestais será unha entidade sen ánimo de lucro, e terá como finalidade xestionar actividades e programas de información, asesoramento e formación dos seus socios, co obxecto de promover a organización e posta en valor das súas fincas rústicas, para que poidan acceder a subvencións e outras melloras económicas.
A pesares de que xa existen moitas asociacións de comercialización de madeira en Galicia, a realidade é que non existen asociacións que presten un servizo integral, e que se dirixan non só a propietarios de montes senón a todo tipo de fincas rústicas.
O programa municipal Monterrendible persigue que esta asociación evolucione para transformarse nunha cooperativa ou sociedade empresarial de propietarios de fincas para xestionar de forma colectiva as súas propiedades.
Para iso, o Concello costea os gastos de asesoramento técnico durante 15 meses dos que van transcurridos 5- polo que se pode concluir que os obxectivos se van cumprindo conforme ó establecido.
De forma complementaria, o Concello prevé nos vindeiros 2 anos o diseño de itinerarios formativos para emprendedores, operarios de traballo en aproveitamento de fincas rústicas, e manufacturas de produtos agroforestais, gandeiros e alimentarios, en base ós posibles nichos de emprego que este proxecto poida xerar estímase en 100 postos de traballo en 5 anos-.
A Concellería de Promoción Económica aposta por este programa como alternativa de revitalización e valorización dos recursos naturais. A cooperativa de propietarios forestais permitirá a competitividade e a conservación dunha estrutura productiva das parcelas rústicas, que actualmente están en procesos de baixa produción ou de abandono.
Narón conta cunha superficie forestal e de fincas rústicas baldías superiores ó 50% da superficie municipal. Esta situación estratéxica, unida a unha zona metropolitana e con excelentes comunicacións por estrada e por vía marítima, permiten unhas condicións ideais para exportar e aproveitar os seus recursos naturais.