RECEPCIÓN INSTITUCIONAL ÓS NENOS SAHARAUIS QUE PASAN O VERÁN EN NARÓN DENTRO DO PROGRAMA 'VACACIÓNS EN PAZ'
O Concello subvencionou o viaxe de catro nenas e un neno, que disfrutan do verán coas súas familias de acollida.
Narón, 9 de Xullo de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, acompañado por distintos membros da Corporación Municipal (Catalina García -Concelleira de Acción Social-, Teresa Sabio Concelleira de Igualdade-, María Rodríguez Porto Concelleira de Turismo- e Gonzalo Iglesias Concelleiro do PP-) deron hoxe a benvida ós cinco nenos/as saharauis que pasarán este verán en Narón, dentro do programa Vacacións en Paz promovido pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.
Os menores que este ano veñen a Narón son catro nenas (de entre 10 e 12 anos) e un neno (que non puido chegar a tempo á recepción, pero acudiu máis tarde ó Concello e foi recibido igualmente polos representantes políticos municipais) que viaxaron ata Galicia procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf (no deserto do Sáhara). O Concello obsequioulles cunha mochila e un cheque por valor de 60 euros para mercar material deportivo ou libros, .
O Concello mantén un convenio de colaboración coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que permite financiar a viaxe en avión destes menores, que posteriormente son acollidos por familias para disfrutar do verán e realizar revisións médicas, evitando así as altas temperaturas do deserto do Sáhara, cercanas ós 50º.
O Alcalde, José Manuel Blanco, saudou ás nenas e desexoulles unha estancia feliz en Narón, ó tempo que ratificou a vontade do Concello de seguir colaborando con este programa tal e como ven facendo o goberno municipal dende fai moitos anos.
Pola súa banda, a Concelleira de Acción Social, Catalina García, agradeceu ás familias o esforzo que facedes nestes momentos que cada vez son máis difíciles economicamente. Agradezo que lles poidades dar ós nenos a oportunidade de sair das altas temperaturas, de poder facer revisións médicas, de coñecer Narón e de disfrutar do verán concluíu.