A rúa D mellora a circulación na zona norte do parque empresarial.
Narón, 17 de Xullo de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o Concelleiro de Obras Públicas, Angel Castro, percorreron hoxe o novo vial que mellora a circulación da zona norte do polígono de As Lagoas.
Trátase da rúa D, situada fronte á gasolineira do Polígono de As Lagoas, e urbanizada dentro do programa REINDUS do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. O proxecto, financiado con cargo a este plan, foi adxudicado por 167.920 á empresa OVIGA (Obras e Viais de Galicia), iniciándose os traballos en xaneiro de 2013 e rematando recentemente.
As obras consistiron na apertura e urbanización dun dos viais principais trazados polo PXOM e que faltaban por urbanizar no polígono, de 160 metros de lonxitude e 16 metros de ancho. A rúa é transversal e permite interconectar as empresas da marxe dereita do polígono (en dirección a Narón), dando así servizo á zona norte do parque empresarial.
Cabe lembrar que este foi un compromiso adquirido polo Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, cos empresarios de As Lagoas cando se iniciou o proxecto de Mellora da Seguridade Viaria da estrada AC-566. Coa apertura desta rúa péchase a obra de urbanización de As Lagoas, e resólvese o problema de tráfico que tiña a zona norte deste polígono sinalou o rexedor, en referencia ás dificultades que tiñan os camións e outros vehículos á hora de incorporarse á circulación neste lugar.
Ademáis, o Alcalde de Narón destacou a celeridade na obra, froito do acordo entre os propietarios e os encargados de executar o proxecto. Adelantáronse os prazos previstos, porque non houbo que recurrir ás expropiacións xa que os terreos foron adquiridos de mútuo acordo lembrou José Manuel Blanco.
Situado a ambos marxes da Estrada de Cedeira, o Polígono de As Lagoas foi creado de forma espontánea e individual polos propios empresarios ó longo dos anos setenta, sen ter unha infraestrutura clara e definida. A principios do século XIX planifícase e inclúese dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Narón, cunha disposición clara e consecuente, realizándose dende
entón sucesivas actuacións de urbanización, completando a trama urbana do mesmo.
O Polígono de As Lagoas ten unha superficie aproximada de 700.000 m2 nos que se asentan aproximadamente 80 empresas, cuxo eixe central é a estrada AC-566 (que discurre lonxitudinalmente polo eixe do polígono) e transversalmente o vial obxecto da actuación. Este parque tamén dispón dunha conexión terrestre co Polígono de Río do Pozo.