A ASCM ORGANIZA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN SOCIAL NOS BARRIOS E PARROQUIAS DE NARÓN
Trátase dunha mostra fotográfica e unha xornada en cadeira de rodas, para sensibilizar á xente sobre os problemas de accesibilidade das persoas con diversidade funcional.
Narón, 8 de Outubro de 2014.- A Concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, e a xerente da ASCM, Paula Gárate, presentaron hoxe en rolda de prensa unha iniciativa que desenvolverá no municipio esta entidade de carácter social. Estiveron acompañadas por Patricia López, membro da ASCM e coordinadora desta campaña. Trátase do programa titulado Xente!!! Senta e Sente, que xurde coa finalidade de concienciar ós/as veciños/as dos barrios de Narón sobre o que senten as persoas con diversidade funcional no seu ámbito máis próximo.
Para coñecer a accesibilidade no ámbito máis cercano, e poñer ós veciños na pel das persoas con mobilidade reducida, a ASCM promoverá dous tipos de actividades en cada barrio ou parroquia:
Mostra da túa parroquia en fotos: trátase dunha mostra con fotos recentes e representativas sobre a temática da accesibilidade en cada barrio ou parroquia.
As mostras de fotografías poderanse visitar durante todo o mes de outubro nos locais sociais municipais, e tamén na Fundación Terra de Trasancos, no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros, na SCR Areosa, e na Asociación de Mulleres Rurais San Clemente.
Senta e sente: en cada parroquia ou barrio, porase a disposición dos veciños/as cadeiras de rodas, para que as persoas que queiran se senten nelas e dean unha volta polo seu ámbito. Así poderán sentir o mesmo que sente unha persoa con diversidade funcional que vai nunha cadeira tódolos días. Despois comentaranse as experiencias, de cara a mellorar o seu ámbito. Finalizarase cun test con preguntas relacionadas coa accesibilidade.
Esta iniciativa se desenvolverá en sesións de dúas horas (de 17:00 a 19:00 horas), nas seguintes datas e lugares:
-Fundación Terra de Trasancos: martes 21 de outubro.
-AVV Virxe do Mar: mércores 22 de outubro.
-CCM Manuela Pérez Sequeiros (A Gándara): xoves 23 de outubro.
-Local Social de Piñeiros: venres 24 de outubro.
-Asociación de Mulleres Ferrerías (Xuvia): luns 27 de outubro.
-AVV de O Alto: martes 28 de outubro.
-AVV Santa Icía: mércores 29 de outubro.
-AVV A Gándara: xoves 30 de outubro.
-AVV Freixeiro: venres 31 de outubro.
-AVV O Feal: novembro.
-AVV O Couto: novembro.
-AVV Altea (Xuvia): novembro.
-AVV San Xiao: novembro.