O CONCELLO REALIZA DOUS VÍDEOS PROMOCIONAIS DA BIBLIOTECA MUNICIPAL PARA DAR A COÑECER AS SÚAS INSTALACIÓNS
Están protagonizados polos propios usuarios, adultos e infantís, deste espazo.
Narón, 24 de Outubro de 2014.- Con motivo da celebración hoxe do Día da Biblioteca, a Concelleira de Ensino e Bibliotecas de Narón, Mª del Carmen Espada, presentou dous vídeos realizados no marco do Obradoiro de Audiovisuais (que tivo lugar na Biblioteca do Alto os días 11 e 18 de outubro).
Os vídeos están protagonizados por nenos/as e adultos, usuarios da Biblioteca Municipal do Alto, e teñen como obxectivo dar a coñecer este espazo e invitar a toda a cidadanía a disfrutar dos servizos que esta ofrece. Pódense ver dende hoxe nos blogs da Biblioteca Municipal de Narón (http://biblioteca.naron.es)
O primeiro vídeo está protagonizado por 21 nenos/as con idades comprendidas entre os 5 e os 10 anos. A película os presenta bailando ó son da canción Toc-toc de Pablo Díaz, mentres percorren todas as plantas, ensinando as diferentes dependencias deste lugar.
O segundo dos vídeos conta coa participación de 9 persoas adultas. Para realizalo empregouse a técnica de animación stop-motion que emprega imaxes fixas sucesivas para dar sensación de movemento. Nesta película aplícase a técnica a obxectos e tamén ás persoas, que actúan como actores e actrices na historia.