Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA UNHA NOVA EDICIÓN DE "´NARÓN GASTRONÓMICO"
Establecementos de hostalería da localidade servirán tapas gratuítas con pementos do Couto e tomate negro coas consumicións dos clientes do 30 de xullo ao 2 de agosto e do 6 ao 9 de agosto
Narón, 20 de xullo de 2015.- A Concellería de Promoción Económica de Narón vai desenvolver do 30 de xullo ao 2 de agosto e do 6 ao 9 de agosto a iniciativa “Horta de Narón 2015”, segundo anunciaron en rolda de prensa no Concello o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, a concelleira de Festas, Mar Gómez, os representantes da Asociación de Veciños do Couto e da Cooperativa do Val, Anselmo Beceiro e José Leira, respectivamente, e o presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, que coorganizan o evento, no que colabora a D.O. Ribeiro. O obxectivo desta nova acción do “Narón Gastronómico”, que conta coa colaboración do Cooperativa do Campo do Val, Mercaval e a D.O. Ribeiro, é a posta en valor de dous produtos gastronómicos locais, concretamente o pemento do Couto e o tomate negro de Santiago. Entre as actividades a desenvolver neste programa inclúese a terceira edición da “Ruta Gastronómica”, unhas xornadas de degustación de pinchos que terán como ingredientes, como mínimo, algún destes dous produtos e que se celebrarán nas datas sinaladas anteriormente en establecementos de hostalería do concello de Narón. O prazo de inscrición nestas xornadas rematará o día 22, polo que os propietarios dos establecementos locais interesados en participar poden anotarse na dirección: narongastronomico@naron.es. As tapas serán gratuítas, de libre creación e estarán elaboradas con produtos de calidade, tendo que incluír necesariamente o pemento do Couto ou o tomate negro de Santiago, ou ambos á vez, tratando de exaltar o sabor e propiedades destas dúas hortalizas. As persoas que se acheguen aos establecementos que se sumen ás xornadas poderán participar no sorteo de cestas con produtos da horta (haberá tantas cestas como negocios participantes) se consumen a tapa típica da ruta e depositan o cupón cos seus datos na urna correspondente. Todos os hostaleiros que participen no concurso disporán dunha urna e tarxetas para que os seus clientes poidan participar. Sortearanse tamén fins de semana enogastronómicos para dúas persoas nun hotel rural con aloxamento, comida e visita a unha bodega con caldos con Denominación de Orixe Ribeiro; catro vales de compra nos establecementos Mercaval –nome comercial das tendas que a Cooperativa do Val ten en Narón e en Serantes (Ferrol), tal e como explicou José Leira, xerente das instalacións- , un por un importe de 200 euros e tres de 100 euros; cinco lotes cunha guía de viños, un libro do Ribeiro, unha botella de viño branco e outra de tinto e merchandising, tal e como explicou Pablo Villamar. “Son premios bastante importantes e se xa o mesmo pemento do Couto e o tomate negro nos animan a que os consumamos e visitemos os establecementos que participan, o feito de que haxa estos premios aínda anima moito máis”, apuntou Villamar. A organización achegará aos establecementos participantes con suficiente antelación os carteis promocionais do concurso, os trípticos informativos, as urnas e os cupóns para colocar nos seus negocios á vista do público durante as datas que duren as xornadas. A concelleira de Festas, Mar Gómez, destacou o éxito da convocatoria en edicións anteriores e subliñou a oportunidade que supón para promocionar tanto os pementos do Couto e o tomate negro que se cultivan na localidade como os establecementos de hostalería de Narón. “Animo a veciños e visitantes, así como aos hostaleiros de Narón, a participar na que é a terceira edición da Ruta Gastronómica, para degustar estas hortalizas moi recoñecidas fóra da fronteira de Narón e que no caso do pemento do Couto, conta coa distinción de Indicación Xeográfica Protexida desde o ano 2010”. Showcooking en Lugo Para proxectar e dar a coñecer os produtos da terra fóra da comarca, o día 23 de xullo farase unha presentación Showcooking con degustación posterior do pemento do Couto e o tomate negro nun dos restaurantes máis emblemáticos de Lugo: “Paprica”, propiedade do chef Álvaro Villasante. Membro da prestixiosa asociación culinaria galega Grupo Nove, Villasante é un dos cociñeiros con máis proxección e mellor posicionado no sector. Con motivo da iniciativa “Horta de Narón 2015”, elaborará creacións exclusivas e innovadoras a base destas dúas hortalizas do campo naronés, seguindo coa iniciativa desenvolvida o ano pasado, na que se fixo un showcooking no restaurante Eirado da Leña de Pontevedra, ou o anterior, na prestixiosa Casa Marcelo, en Santiago de Compostela. O concelleiro de Promoción Económica incidiu na importancia de “tratar de dar a coñecer a horta de Narón fóra do noso concello” O pemento do Couto e o tomate negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas. Estas instalacións comercializan desde hai anos o pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada no mercado, que conta coa IXP e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa dozura e que non pica. Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a Cooperativa do Val produce o tomate negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azúcares e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco con moito éxito. Con estas dúas hortalizas a cooperativa naronesa quere chegar ao consumidor que busca produtos galegos de calidade. Máis información: Tel.: 981 364 064

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal