O ALUMNADO DO CRA DE DOMIRÓN PARTICIPOU NUNHA ACTIVIDADE LÚDICO-FORMATIVA NA QUE COLABOROU A POLICÍA LOCAL
Un dos axentes do equipo de Seguridade Vial do Concello, Pedro Caneiro, desprazouse ao centro e respostou ás curiosas preguntas que formularon os nenos e nenas do CRA
Narón, 7 de outubro de 2015. Os alumnos e alumnas do Colexio Rural Agrupado de Domirón participaron nunha actividade promovida polo centro e que contou coa colaboración da Concellería de Seguridade Cidadá que dirixe o edil Guillermo Sánchez Fojo, ao desprazar uns minutos ata o centro ao policía local Pedro Caneiro, do equipo de Seguridade Vial do Concello, para participar na iniciativa. O axente personouse nas instalacións para levar ata alí a Xumi, un extraterrestre que policías naroneses atoparon na praza da Gándara tras extraviarse cando regresaba dunha viaxe ao espazo coa mascota do CRA de Domirón, a gata Bufiña. Trala entrega de Xumi os menores aproveitaron a presenza de Caneiro para interesarse por varios asuntos relacionados co seu traballo e tamén por algunhas normas relacionadas coa seguridade viaria.
O alumnado de Infantil esperaba nervioso a chegada da Policía Local, sabendo que traían a Xumi. Os alumnos explicaron que na viaxe da mascota do centro, Bufiña, ao espazo nun cohete que gardan no CRA, a gata coñeceu a Xumi e faloulle tan ben de Narón que decidiron facer xuntos a viaxe de regreso. Pero ao aterrar perderon a equipaxe e Xumi dispúxose a buscalo, pero finalmente perdeuse el. Bufiña regresou ao centro de Domirón, pero sen o seu novo amigo, que atopou a Policía Local de Narón e que hoxe entregou no centro, tal e como recordaban esta mañá mestras e alumnado do CRA. A actividade servirá aos nenos e nenas para incrementar os seus coñecementos sobre temas, entre outros, como o sistema solar, que abordarán no segundo semestre deste curso e a seguridade viaria.
O alumnado do centro aproveitou a ocasión para realizar varias preguntas relacionadas co traballo da Policía Local. Como atrapan aos ladróns, como é un cárcere e canto tempo están alí os presos; os motivos polos que poñen multas de tráfico; como buscan pegadas ou se axudan aos menores que se perden na rúa foron algunhas das cuestións sobre as que se interesaron os nenos e nenas do CRA de Domirón, que tamén falaron dalgúns asuntos referidos á seguridade viaria.