As actividades enmarcáronse na programación coa que se conmemorará o Día da Bilioteca o vindeiro 24 de outubro
Narón, 10 de outubro de 2015. A Biblioteca Municipal acolleu un obradoiro de time lapse, no que participaron un total de quince nenos e nenas de entre 6 e 10 anos. Tres cámaras gravaron durante hora e media aos menores coa finalidade de editar un vídeo en time lapse que recollerá a actividade nun tempo de entre tres e catro minutos, e que se presentará dentro dos actos a convocar con motivo do Día da Biblioteca, que se conmemora o 24 deste mes.
A técnica do time lapse é empregada en fotografía e cinematografía e permite acadar un efecto visual mediante o cal todo o que se captura, e que polo xeral se desenvolve lentamente, se vexa nas imaxes a unha velocidade moi rápida, ben dando esa sensación a través de fotografías ou dun vídeo.
As instalacións da Biblioteca Municipal de Narón acolleron tamén un obradoiro dirixido a adultos sobre light painting, unha técnica fotográfica que traballaron os dezasete asistentes, na que se xoga coa luz directa sobre as imaxes, nas que queda proxectada a través de trazos. As corenta imaxes realizadas durante a actividade permanecerán expostas na Biblioteca Municipal ata o vindeiro día 24 de outubro.