O CENTRO CULTURAL TORRENTE BALLESTER ACOLLEU A PRESENTACIÓN DAS ACTUACIÓNS DE PROMOCIÓN DO XEODESTINO FERROLTERRA-RÍAS ALTAS DESENVOLVIDAS NO 2015
O vicepresidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Jose Manuel Blanco, foi o encargado de presidir o acto, acompañado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, o delegado da Xunta na provincia, Diego Calvo, e o edil de Turismo de Ferrol, Bruno Díaz
Ferrol, 15 de xaneiro de 2016. A capela do Centro Cultural Torrente Ballester acolleu esta mañá o acto de presentación das actividades levadas a cabo durante o ano 2015 para promocionar o destino turístico Ferrolterra-Rías Altas. O vicepresidente da Mancomunidade, José Manuel Blanco, presidiu o acto, acompañado na mesa polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Diego Calvo, e o concelleiro de Turismo de Ferrol, Bruno Díaz. O vicepresidente da Mancomunidade desculpou a ausencia do presidente do citado organismo, Jorge Suárez, e destacou a variedade e a calidade dos proxectos desenvolvidos o pasado ano neste xeodestino.
Dispoñemos dun importante patrimonio a nivel cultural, industrial, arquitectónico, histórico, gastronómico e natural que estamos a promocionar entre os vinte e un concellos que integran este xeodestino, coa axuda de administracións como o Goberno Central, a Xunta de Galicia ou a Deputación da Coruña, cuxas axudas foron e seguirán sendo decisivas, apuntou Blanco. O vicepresidente da Mancomunidade, que destacou a labor deste organismo en materia de promoción turística, subliñou que levamos moito camiño andado e incidiu na necesidade de seguir traballando nesa liña, para así consolidar cada día máis a marca Ferrolterra-Rías Altas.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo de Ferrol, Bruno Díaz, asegurou que dificilmente seremos quen de desenvolver ningunha oferta turística sen aunar esforzos, e, na liña do vicepresidente da Mancomunidade, destacou o traballo realizado desde este organismo. Díaz recalcou na súa intervención que
a administración ten que liderar unha oferta turística sostible.
A continuación, o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asegurou que o caso do turismo debe ser un exemplo que a día de hoxe podemos poñer riba da mesa para amosar que o traballo realizado conxuntamente por diferentes administracións dá os seus froitos, e avanzou que á hora de abrir novos camiños nesta materia, a Xunta de Galicia sempre estará aí. Trala intervención de Calvo, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, destacou o potencial do turismo a nivel económico e tamén a necesidade de coordinarse para exprimir o potencial que ten o noso territorio.
As Fragas do Eume, as visitas de cruceiristas, o Camiño Inglés, o surf e o lago das Pontes foron algúns dos exemplos turísticos citados ao referirse ao potencial comarcal nesta convocatoria, na que os responsables e coordinadores dos diferentes proxectos levados a cabo no ano 2015 resumiron as actuacións realizadas.
O encargado de explicar as desenvolvidas o pasado exercicio con cargo ao convenio asinado entre a Xunta e a Mancomunidade para promocionar o destino turístico Ferrolterra foi Ángel Ramírez, coordinador do Plan de Promoción Turística. A Guía de turismo ornitolóxico e o despregabre do xeoparque Cabo Ortegal foron os proxectos levados a cabo. No caso da ornitoloxía, apostamos por unha liña complementaria ao turismo rural e a desestacionalización da demanda, explicou sobre a primeira das iniciativas, salientando que o acordo coa Xunta tamén permitiu apoiar o proxecto do xeoparque Cabo Ortegal.
A continuación, a representante da empresa Promove SL, María Traveso, analizou a Configuración e promoción da oferta de Turismo Slow, explicando que se trata dunha proposta conxunta entre Ferrolterra e a Mariña Lucense porque detectamos que presentan determinadas características moi similares e están vertebradas pola liña de FEVE. Os turistas aos que se dirixe este tipo de turismo non buscan paquetes estructurados e queren quedarse e coñecer en profundidade os destinos, apuntou Traveso.
A terceira das presentacións técnicas do acto correu a cargo de Jacobo Suárez, da firma Goodlife Consultores, que presentou o Diagnóstico e proposta de desenvolvemento dun produto turístico sustentable de surf no destino Ferrolterra-Rías Altas. Suárez destacou as características que presenta a comarca para a práctica deste deporte e apuntou que se trata dun tipo de turismo que está de moda en todo o mundo e que xera en España uns ingresos de cerca de 2.000 millóns de euros anuais. O obxectivo desta proposta é, apuntou, que o surf se convirta nun sinal de identidade da comarca, para o que se creou unha marca do destino: Costa das ondas.
O xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá, mencionou dous proxectos subvencionados pola Deputación da Coruña o pasado ano: a aplicación turística para móbiles do destino Ferrolterra, xa dispoñible en Google Plan e na Apple Store co nome: Turismo Ferrolterra Rías Altas e a guía turística As paisaxes fortificadas das Rías Altas que, subliñou ten detrás unha interesantísima labor de investigación histórica.
O vicepresidente da Mancomunidade dirixiuse aos asistentes novamente antes de pechar o acto para agradecer o traballo realizado polos técnicos e profesionais do sector. Así mesmo, destacou a aportación de 75.000 euros por parte da Xunta e 15.000 da Deputación para cofinanciar proxectos de promoción deste xeodestino turístico. Non podemos dar pasos atrás e para iso é preciso aunar esforzos e traballar xuntos polo desenvolvemento dun sector que ofrece múltiples posibilidades, asegurou. Blanco avanzou tamén o traballo que se está a impulsar desde a Mancomunidade cos concellos do xeodestino para crear un instrumento de colaboración administrativa que permita a participación directa dos municipios implicados na financiación e xestión de proxectos turísticos deste xeodestino.