Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INAUGURARÁ NOVOS ESPAZOS PARA A SECCIÓN INFANTIL E A BEBETECA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
O vindeiro 4 de marzo ás 12.00 horas darase a coñecer o espazo aos usuarios, localizado na planta baixa da Biblioteca e que poderá utilizarse a partir do luns 6 de marzo
Narón, 2 de marzo de 2017. A sección infantil e a bebeteca da Biblioteca municipal de Narón contarán a partir deste sábado cun espazo máis amplo nas citadas instalacións. Así o anunciou a concelleira da área, Mercedes Taibo, que indicou que o vindeiro sábado, día 4 de marzo, se procederá a abrir o novo espazo, habilitado na planta baixa da Biblioteca. A alcaldesa accidental, Marián Ferreiro, presidirá o acto inaugural, ao que tamén acudirá a edil da área. O evento dará comezo ás 12.00 horas e están convidadas todas as familias que desexen coñecer este novo espazo. Trala inauguración haberá unha xornada de portas abertas, dunha hora de duración, para coñecer a nova sala e durante a que tamén se poderá escoitar música, a cargo de integrantes da Agrupación Cultural Musical Sementeira, de Narón. A sección infantil comezará a prestar servizo o luns 6 de marzo no horario de apertura de inverno: de luns a venres entre as 17.00 e as 20.00 horas e os sábados desde as 10.00 ata as 13.00 horas. Nos últimos días estase procedendo á instalación do mobiliario e ao traslado do material –libros e audiovisual- destinado ao citado colectivo, tal e como indicou a edil naronesa. “Os nenos e nenas usuarios tanto da sección da bebeteca como da infantil contarán a partir de agora dun espazo propio donde poder gozar con tódolos materiais cos que conta a Biblioteca adaptados ás súas idades”, explicou Taibo. A edil valorou a materialización desta proposta “sobre a que levamos un tempo traballando e da que finalmente veremos os seus froitos en cuestión de días, confiando en que o resultado sexa do agrado das familias e tamén dos menores que habitualmente veñen á Biblioteca”. O acceso á nova sala é independente, pola parte traseira do edificio e está separada arquitectónicamente do resto, co que a atención aos nenos e nenas será máis acorde coas súas idades e, ao tempo, non interferirá no correcto desenvolvemento dos servizos prestados desde a Biblioteca ao público adulto, indicaron desde a área.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal