Realizarán traballos de reparación e mantemento de distintos lugares públicos.
Narón, 20 de Xuño de 2008.- A Concellería de Formación Laboral e Emprego de Narón, dirixida por Paloma González Cuevas, ven de anunciar a contratación de once desempregados ó abeiro dos Planes de Cooperación da Xunta de Galicia. Estas persoas se incorporarán ó Concello o vindeiro 1 de Xullo, logo de pasar o pertinente proceso de selección de persoal, que se está a levar a cabo nestos días.
O goberno municipal solicitou en febreiro deste ano unha subvención á Consellería de Traballo para por en marcha este programa. O Concello presentou unha memoria para desenvolver un total de 8 proxectos diferentes, dos que a Xunta aprobou tres, concedendo unha achega económica de 138.875,28 euros para poder executalos.
Así, os programas que se realizarán dentro do Plan de Cooperación son os seguintes:
-Reparación de beirarrúas (para o cal se contratarán 2 albaneis e 2 peóns, cunha subvención de 36.520,44 euros, e un prazo de execución do programa de 6 meses).
-Conservación do espazo natural protexido do Río Xuvia (se empregarán 3 peóns forestais, un capataz forestal e un enxeñeiro técnico, cunha achega de 74.253,96 e un prazo de execución do traballo de 9 meses).
-Obras diversas de melloras en alumeado en vías, prazas e espazos públicos (dous electricistas se encargarán destos traballos, cunha subvención de 28.100,88 e unha duración de 9 meses).
A Concelleira de Emprego lembrou que a intención principal dos Planes de Cooperación é a reducción das tasas de desempregados, algo que se realizará a curto prazo en Narón coa contratación destos 11 profesionais. Nembargantes, a Xunta de Galicia deixou sen subvencionar outros cinco proxectos presentados polo Concello de Narón, centrados en accións culturais, sociais e turísticas.