Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHA SESIÓN DE "SHOWCOOKING" CON LUCÍA FREITAS ABRIRÁ O DÍA 15 A PROGRAMACIÓN DA "XIX FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO"
Música de cámara no mosteiro do Couto, iluminación exterior do cenobio, un xantar popular, visitas guiadas dramatizadas e a concesión do Pemento de Honra ao Grupo Nove Cociñeiros completan a programación dos días 15 e 16 de xullo
Narón, 13 de xullo de 2017. Os actos da décimo novena edición da Festa Gastronómica do Pemento do Couto comezarán a desenvolverse o vindeiro sábado, día 15, e continuarán na xornada do domingo, 16 de xullo. A cociñeira do Grupo Nove, Lucía Freitas (Restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela) dará o pistoletazo de saída a este evento o vindeiro sábado ás 19.30 horas –e ata as 20.30-, cun “showcooking” aberto ao público que se celebrará no local social do Couto. A chef do Grupo Nove, Segunda Mellor Cociñeira do Ano en 2016, elaborará as seguintes creacións: “Pementos do Couto, pan de castañas e sardiñas”, “Pementos con chocolate branco e alfábega” e “Canelón de tenreira galega, pementos do Couto e trufa negra”. Os actos programados para o día 15 continuarán a partir das 23.00 horas, cando se iluminará de varias cores o exterior do mosteiro do Couto. Entre as 23.00 e as 00.30 terá lugar un concerto de música de cámara no interior do cenobio, con dous pases e entrada de balde, a cargo do grupo Son de Ar. Tamén no exterior do mosteiro, a partir das 00.00 horas, terá lugar unha “performance” de música, baile e iluminación que protagonizarán unhas fadas. Na xornada do domingo, día 16, os actos iniciaranse ás 13.00 horas, coa lectura do pregón, que dará o Doutor en Botánica Carlos Rodríguez Dacal. Sobre as 13.30 horas está prevista a entrega do Pemento de Honra ao Grupo Nove Cociñeiros. Recollerá o galardón Xoán Crujeiras, integrante da asociación e propietario do Restaurante Bido (A Coruña), donde tamén terá lugar mañá venres unha presentación culinaria con recetario feito a base de pementos do Couto e dirixida a promover a difusión e o consumo deste produto fóra do concello naronés. O apartado gastronómico dará comezo o domingo sobre as 14.00 horas, cun menú a base de churrasco, cachelos, pan, auga, viño e café ao tizón. O prezo do menú é de 12 euros e os tickets están á venda no local social do Couto e na Cooperativa do Val –sección de Crédito-. Despois do xantar, entre as 17.00 e as 19.00 horas, o actor Suso Rodríguez asumirá o rol do cabaleiro naronés Froila Bermúdez –fillo dos Condes de Traba-, e encargarase de guiar desde o local social ata o mosteiro do Couto ás persoas que queiran participar nunha visita guiada. Non faltará na festa a música, cun grupo que comezará a tocar nas inmediacións do citado local a partir das 18.00 horas. O Pemento do Couto é un produto local de gran calidade que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa dozura e que non pica, e conta coa Indicación Xeográfica Protexida. O Concello de Narón coorganiza este evento en colaboración coa Asociación de Veciños do Couto, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a Cooperativa do Val.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal