A pista do parque de Amalia Díaz acollerá, entre as 16.30 e as 18.30 horas, varias actividades enmarcadas nesta iniciativa e dirixidas a público de diferentes idades
Narón, 1 de decembro de 2017. A pista do parque de Amalia Díaz, no Alto do Castiñeiro, acollerá o vindeiro sábado, día 2, unha nova xornada do programa municipal Prazas Vivas. A cita será novamente entre as 16.30 e as 18.30 horas e estará aberta á participación da cidadanía en xeral, independentemente da súa idade. A Concellería de Acción Social, que preside a edil Catalina García, impulsa esta proposta, que xa se desenvolveu con éxito noutras ubicacións da zona urbana e rural, como A Gándara, Xuvia e O Val.
Este programa ofrece á cidadanía a posiblidade de participar en diversos obradoiros: de graffite, de circo, baile, puzles xigantes, xincana deportiva, pintacaras e moitas outras opcións. Así mesmo, as persoas que o desexen poderán colaborar na decoración das carrozas coas que se desfilará na Cabalgata Solidaria do vindeiro 5 de xaneiro. Todas estas actividades realizaranse cun equipo de monitores, que será o encargado de dirixir cada unha das propostas.
A maiores, tal e como se recordou desde o Concello, os participantes poden doar alimentos non perecedoiros, que se recollerán nesa mesma xornada do sábado para entregalos posteriormente ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
O programa Prazas Vivas, iniciado o pasado 11 de novembro na Praza da Gándara, continuará o vindeiro 9 de decembro na Praza da Constitución no pavillón do CEIP A Solaina en caso de mal tempo- e rematará tralas xornadas previstas en decembro, concretamente o día 16 en Sedes; o 23 en Piñeiros; o 27 en San Xiao e o 30 en Pedroso.