Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPARTIU O PASADO ANO MÁIS DE 7.000 HORAS DE FORMACIÓN EN INSTALACIÓNS MUNICIPAIS CUN INVESTIMENTO DE 300.000 EUROS
A concelleira responsable da área de Formación e Mocidade, Natalia Hermida, destacou o feito de que nos últimos dous anos se triplicou o investimento destinado desde as arcas locais á formación
Narón, 24 de xaneiro de 2018. O Concello de Narón impartiu máis de 7.000 horas de formación en instalacións municipais durante o pasado ano. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, destacou que se trata “dun dato moi significativo para unha administración local e que constata o compromiso deste Concello coa área de Formación nuns tempos nos que o acceso ao mercado laboral non é unha tarefa sinxela”. “Preto de novecentas persoas tiveron a oportunidade de ampliar a súa formación o ano pasado a través da oferta impulsada desde o goberno local”, subliñou Hermida, que recalcou que se destinaron a Formación 300.000 euros. A edil naronesa explicou que o total das horas impartidas se reparten entre o Programa de Formación Municipal e Mocidade 2017, os cursos programados na Aula Cemit de Xuvia e de Cemit rural, as Accións Formativas para Desempregados (AFD) e o Programa Integrado para o Emprego (PIE), estes dous últimos subvencionados pola administración autonómica. No Programa Municipal de Formación e Mocidade superáronse as 3.000 horas de formación nas instalacións do Centro Irmás Froilaz, que tamén pon o Concello a disposición das persoas que realizan estas accións formativas. Prevención de Riscos Laborais, Medio Ambiente no Naval, Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos ou Traballos en Altura e Verticais, Soldadura MAG e Peixeiro/a foron algunhas das propostas ofertadas para un total de 345 veciñas e veciños da cidade, recordou Hermida. En canto ao programa Cemit, que se desenvolveu tanto na aula de Xuvia –no antigo Consistorio- como nos locais sociais da zona rural –donde o Concello aportou ordenadores portátiles- o total de horas de cursos no ano 2017 foi de 2.058 e matriculáronse nos mesmos 381 persoas de Narón. Xestión Empresarial Básica, Márketing Dixital, Creación e dinamización da túa web, Trámites en liña e Administración electrónica, Informática Divertida e Ofimática foron algunhas das propostas ofertadas á cidadanía a través deste programa. A maiores, contando coa colaboración da administración autonómica, leváronse a cabo en Narón Accións Formativas para Desempregados, dirixidas a 45 persoas no curso 2017/2018 e con máis de 1.500 horas de formación. Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Atención sociosanitaria a persoas en domicilio, Montaxe de mobles e Elementos de carpintería foron as propostas ofertadas durante o último curso, algunhas delas pendentes de rematar. En canto ao Programa Integrado para o Emprego, realizáronse cursos de Prevención en riscos laborais, Peixería, Carnizaría, Inglés, Carretilleiro e Plataforma Elevadora, e outros relacionados coa mellora da empregabilidade. Neste último caso ofertáronse un total de 65 prazas mediante este programa, que se solicita a través da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e no que tamén participan os Concellos de Cedeira e Valdoviño. “O investimento realizado desde o goberno local nos últimos dous anos triplicouse”, subliñou Natalia Hermida, que incidiu no feito de que “a da Formación é unha das áreas que consideramos máis importantes e nas que continuaremos centrando esforzos e destinando recursos na medida das posibilidades”. Así mesmo, a edil naronesa avanzou que nos vindeiros meses tamén se destinará unha importante partida a mellorar as instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz. De cara a este ano, “confiamos en obter do Ministerio de Presidencia unha subvención importantísima para Narón, de preto de 60.000 euros de fondos europeos que nos permitirían impartir un curso moi demandado polas empresas da zona, o de Soldadura TIG”, apuntou. Así mesmo, Hermida destacou que de cara ao futuro “continuaremos traballando para tratar de incrementar a homologación de cursos AFD na nosa cidade e ofrecendo programación transversal dirixida a diferentes colectivos”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal